O director de Turismo de Galicia participou esta tarde en Meis na clausura do curso de verán da USC sobre ‘O mundo dos viños galegos’
A Xunta de Galicia está a contribuír de forma significativa ao impulso do sector vitivinícola da Comunidade a través do Plan Territorial de Sostibilidade Turística (PSTD) Enogastronomía de Galicia 2023-2025. Este Plan conta cunha dotación total de 34,5M€, cofinanciados pola Unión Europea, a través do Mecanismo de Recuperación e Resilencia, que se destinan a tres actuacións de cohesión e 11 plans de sostibilidade turística en destino. Así o puxo de manifesto en Meis o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, na clausura da V edición do curso ‘O mundo dos viños galegos. O enoturismo, unha oportunidade cultural e económica’.
Xosé Merelles explicou que dentro deste PSTD englóbase unha liña de axudas de 5,5M€ para establecementos con encanto en destinos enogastronómicos de Galicia, da que se acaba de facer pública a resolución. Preto de 800.000€ foron adxudicados a empresas do Salnés, cun total de 10 proxectos da zona beneficiarios.
O curso ‘O mundo dos viños galegos. O enoturismo, unha oportunidade cultural e económica’ encádrase no programa da Universidade de Verán da Universidade de Santiago de Compostela e desenvolveuse durante o 26 e o 27 de xuño nas Adegas Terra de Asorei, en San Martiño de Meis, con foco no patrimonio vitivinícola e no enoturismo.
Precisamente neste último aspecto abundou o director de Turismo de Galicia na súa intervención, destacando o papel do turismo enolóxico “como ferramenta para impulsar un desenvolvemento sostible das áreas rurais”. Xosé Merelles valorou a singular posición de Galicia como destino único e de calidade neste campo.