- O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron a iniciativa ‘Oficios á luz do claustro’ impulsada pola Asociación Lucense de Artesáns co apoio da Xunta
- Mentres, hoxe comezan en Santiago de Compostela as xornadas de portas abertas en catro obradoiros artesanais da rúa San Pedro e un taller de ourivería compostelá impartido por Susi Gesto no Museo do Pobo Galego
- Na Casa Artesanía de Galicia, en Ribadavia, inícianse hoxe tamén as actividades de celebración dos Días Europeos da Artesanía cun obradoiro de sanandresiños impartido por Jorge Bellón
- Ata o domingo, a Xunta apoia un total de 110 actividades de divulgación co obxectivo de amosar a riqueza e a singularidade dos oficios artesanais e concienciar a sociedade dos valores da artesanía
A Xunta continúa co seu apoio ás actividades de divulgación dos oficios artesanais en diferentes localidades galegas, con motivo dos Días Europeos da Artesanía 2026 que se celebran ata o próximo domingo 12 de abril. Esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron en Lugo a iniciativa Oficios á luz do claustro, impulsada pola Asociación Lucense de Artesáns co apoio do Goberno autonómico, que se vai desenvolver no claustro da Catedral ata as 19,00 horas.
Nesta actividade están a participar os obradoiros de cerámica Artesanía do Pasatempo e Esquina Atlántica; os de coiro Fontemeimil, LeCoop Víctor Montero, Tres Caracoles e Nova; os de tecido Fusaiola e Miratú; o obradoiro Enxógate, especializado en xoguetes; Patapum, que elabora roupa artesanal; e Portomeñekos, dedicado ao cartón pedra.
Hoxe inícianse tamén en Santiago de Compostela dúas iniciativas que contan co patrocinio da Fundación Artesanía de Galicia. Por un lado, as xornadas de portas abertas organizadas entre catro obradoiros da rúa San Pedro que se desenvolverán entre hoxe e mañá. Trátase dos obradoiros de xoiería KingaHaudek, NogaArts e BrigantiaOrfebres, e o de coiro El taller de Fer nos que os visitantes terán a oportunidade tamén de ir creando a súa propia peza realizando diferentes procesos en cada un destes talleres. Por outro lado, a ourive Susi Gesto, imparte entre hoxe e mañá un obradoiro enfocado na tradicional filigrana compostelá que se desenvolverá no Museo do Pobo Galego.
Hoxe venres comezan tamén na Casa Artesanía de Galicia, en Ribadavia, un obradoiro gratuíto de elaboración das figuras tradicionais de miga de pan de Santo André de Teixido, impartido por Jorge Bellón. Neste espazo está previsto realizar mañá un taller de coiro con Antonina Kadyrova e o domingo dúas quendas de obradoiros de arranxos florais con Olueis. Para estas actividades é preciso realizar unha inscrición previa na web da Fundación Artesanía de Galicia.
Os Días Europeos da Artesanía son unha iniciativa anual que se celebra en diferentes países co obxectivo de amosar a riqueza e a singularidade dos oficios artesanais. Convócase co lema Co corazón no oficio e está dedicado a poñer en valor o espírito colectivo, as sinerxías culturais e territoriais e a vitalidade do medio rural. O obxectivo é ofrecer numerosos eventos gratuítos dedicados ao público en xeral para que descubran, coñezan, toquen e sintan a artesanía de cada lugar. Neste sentido, a Xunta apoia un total de 110 actividades en diferentes localidades galegas entre as que se inclúen xornadas de portas abertas, demostracións e obradoiros de iniciación a diferentes oficios.

