Ángeles Vázquez alerta de que o Goberno Central pon en perigo preto de 2.000 M€ do Fondo Social para o Clima da UE para máis de 60 proxectos en Galicia

adminON
Lectura mínima de 4
  • Recrimina que non se trasladase ningunha información sobre o Plan social polo clima, no que se plasmarían as actuacións a financiar en España a través dese Fondo impulsado pola UE, que conta cun orzamento de 9.000 M€ para o período 2026-2032
  • Denuncia que o Goberno central ignorou a recomendación da UE de implicar ás comunidades autónomas na elaboración do Plan social polo clima e, ademais, nin sequera remitiu un borrador do documento do devandito Plan

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, alertou hoxe de que o Goberno central pon en perigo preto de 2.000 millóns de euros do Fondo social polo clima da Unión Europea para máis de 60 proxectos en Galicia.

Na súa resposta a unha pregunta parlamentaria, a conselleira recriminou ao Goberno central que non trasladase a Galicia “ningunha información” sobre o Plan social polo clima, no que se plasmarían as actuacións a financiar en España a través do Fondo social para o clima, impulsado pola Unión Europea, que conta cun orzamento de 9.000 millóns de euros para o período 2026-2032.

Segundo lembrou Ángeles Vázquez, o Goberno central tiña de prazo ata o 30 de xuño para trasladar ás autoridades comunitarias a proposta española, pero seguimos agardando información.

Con todo, a conselleira incidiu en que Galicia fixo os seus deberes. Así, a Xunta presentou ante o Goberno central máis de 60 proxectos por importe de preto de 2.000 millóns de euros, que son claves para acadar os obxectivos climáticos establecidos pola Unión Europea de cara ao ano 2030.

En concreto, a Xunta propuxo máis de 20 accións polo clima en mobilidade de transporte sostible e accesible por preto de 270 millóns de euros; 30 para descarbonización dos inmobles por 1.676 millóns de euros, e dez actuacións para promover a información, educación, concienciación e asesoramento nesta materia por unha contía de máis de 28 millóns de euros.

Cómpre lembrar que o Fondo social para o clima busca garantir unha transición enerxética xusta para os sectores máis vulnerables da sociedade a través de iniciativas que contribúan a reducir as emisións de gases contaminantes, a mellorar o rendemento ambiental e enerxético dos inmobles e a apoiar o desenvolvemento sostible e a creación de emprego verde.

A pesar da relevancia desta cuestión para o conxunto do Estado, a conselleira denunciou que o Goberno central ignorou a recomendación da UE de implicar ás comunidades autónomas na elaboración do Plan social polo clima e, ademais, nin sequera remitiu un borrador do documento do devandito Plan. E, nese senso, engadiu que a día de hoxe “descoñecemos onde están e que se fixo” cos proxectos presentados por Galicia.

Durante a súa intervención, a conselleira puxo en valor que a Xunta leva anos traballando para situar Galicia á vangarda na redución de emisións de gases de efecto invernadoiro. “Somos a comunidade que máis reduciu as emisión netas de GEI con respecto a 1990 cunha diferencia de 49 puntos con respecto ao conxunto do Estado”, concluíu Ángeles Vázquez.

Comparte este artigo