HomeXunta de GaliciaÁngeles Vázquez anima á cidadanía a reciclar vidro no Nadal pois nestas...

Ángeles Vázquez anima á cidadanía a reciclar vidro no Nadal pois nestas datas xéranse ata o 20% dos residuos anuais deste tipo

- Anuncio -spot_img
  • A Xunta lembra que este material se pode reciclar infinitas veces, o que fai que a súa recollida separada se converta no modelo máis eficaz, eficiente e sostible de todos
  • A conselleira salienta que Galicia se atopa nunha boa posición en canto á reciclaxe desta fracción de refugallos cunha taxa que rolda o 85%, fronte ao obxectivo nacional do 70% fixado para o presente exercicio
  • A responsable autonómica apela á responsabilidade da poboación nestas datas festivas no eido do consumo, evitando o desperdicio alimentario e a xeración de residuos innecesarios tanto ao mercar como ao empaquetar agasallos

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, animou hoxe ao conxunto da cidadanía a apostar pola reciclaxe en xeral, e dos residuos de vidro en particular, nas datas do Nadal pois é unha época na que se chegan a xerar ata o 20% dos refugallos anuais deste tipo. Fíxoo durante a súa participación no acendido da árbore de Nadal 7R de Ecovidrio en Ferrol, que pretende concienciar sobre a importancia de colaborar e facilitar a recollida selectiva dun material que se pode reciclar infinitas veces.

Por ese motivo, a responsable autonómica incidiu en que o sistema de recollida separada de envases de vidro é o modelo máis eficaz, eficiente e sostible ambientalmente. Nesta liña, lembrou que Galicia está nunha boa posición en canto á reciclaxe deste tipo de residuos -cunha taxa que rolda o 85%, moi por enriba do obxectivo nacional fixado para este ano no 70%-, pero animou ao conxunto da poboación a seguir esforzándose neste eido para que practicamente a totalidade do vidro sexa reciclado, evitando así a extracción de máis materias primas da natureza.

As boas prácticas neste sentido, subliñou a conselleira, contribúen ademais a reducir as emisións de dióxido de carbono á atmosfera no proceso de fabricación de novos produtos, a aforrar enerxía e a reducir a xeración de residuos. O resultado, asegurou, é un planeta máis limpo e unha contorna máis saudable para vivir.

Este tipo de vantaxes, explicou Ángeles Vázquez, tamén se dá co resto de fraccións de residuos -como o papel-cartón ou os envases lixeiros-, polo que salientou a importancia de facer unha correcta separación de todos os refugallos e lembrou que a mellor maneira de coidar o medio é evitando a xeración de residuos innecesarios.

Nesta liña, a responsable autonómica apelou á conciencia da poboación en xeral nestas semanas de xuntanzas familiares -nas que adoita aumentar o consumo de comida, bebidas e outros produtos que se entregan como agasallos- e lembrou a relevancia de reducir o desperdicio alimentario, de ser responsable á hora de mercar os distintos produtos, de ver o xeito de reaproveitar certos materiais -como o papel de regalo- para non xerar residuos innecesarios e de depositar os distintos refugallos no contedor correcto para facilitar o traballo das empresas xestoras de residuos e reducir custos.

A conselleira, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e da directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, concluíu que hai que seguir avanzando na reciclaxe, na reutilización e na redución dos residuos para que a comunidade sexa máis respectuosa co medio ambiente e camiñe con paso firme cara a economía circular. O Executivo galego, dixo, vai seguir traballando arreo e apoiando tanto ás entidades locais como ao conxunto da cidadanía para manterse nunha posición de vangarda neste eido.

Iniciativa

A árbore de Nadal 7R de Ecovidrio -de 10 metros de altura e formada con 2.000 botellas de vidro reciclado- é unha acción de concienciación que se enmarca na campaña informativa da entidade para fomentar a reciclaxe de envases de vidro no Nadal. De feito, permanecerá na praza de España de Ferrol ata que finalicen as festas navideñas.

Deste xeito, a Xunta, o Concello de Ferrol e Ecovidrio colaboran na concienciación da poboación -dunha maneira tanto lúdica como técnica- da transcendencia de reciclar correctamente, especialmente os residuos de vidro. O obxectivo tamén é incrementar a proporción de recollida desta fracción e a súa calidade así como aclarar dúbidas sobre a separación selectiva e o que se debe depositar no iglú verde, indicando os principais erros que comete a cidadanía neste sentido.

O acendido da árbore de Nadal 7R contou esta tarde con actividades en paralelo como o reparto de agasallos -bolsas para a reciclaxe de vidro e pequenos acivros- e accións de concienciación e educación mediante actividades dirixidas -como un xogo do tres en raia adaptado á campaña- nunha carpa que contou con educadores ambientais. A maiores, instaláronse na praza catro iglús para a recollida de vidro coa imaxe dos Reis Magos e de Papá Noel que permanecerán ata o remate do Nadal para dar servizo aos hostaleiros e particulares da zona e afondar na sensibilización sobre unha axeitada reciclaxe do vidro.

Publicacións Relacionadas