- Subliña que é clave a unión de esforzos e a interacción entre diferentes actores, públicos e privados, para garantir unha xestión ética e responsable da costa
- Lembra que xa se está a traballar na organización tanto dun cumio cos 86 concellos costeiros galegos como dun encontro con todas as comunidades costeiras para seguir a colaborar nesta materia
- Salienta que a Lei galega do litoral supón importantes avances no que atinxe á dixitalización e á simplificación administrativa dos procedementos
- Pon en valor que nun contexto marcado polo reto que supón o cambio climático, a Loxilga inclúe a elaboración de estudios de resiliencia do litoral, prestando atención, entre outros aspectos, ao risco de inundacións
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, avogou hoxe por aplicar o principio de cobernanza recollido na Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga) como base para reformar a norma estatal en materia de costas e adaptala á realidade actual.
Durante a súa intervención na mesa redonda Modelos de gobernanza na xestión e ordenación do litoral no marco do curso de verán Europa: Retos na xestión sostible do litoral, organizado pola Universidade do País Vasco, no que tamén participou a directora xerente do Cetmar, Rosa Chapela, a conselleira incidiu en que é precisa “a participación de toda a sociedade” para acadar unha maior eficiencia nesta cuestión.
Logo de lembrar que a pasada semana fixo un chamamento a todos os grupos políticos do Parlamento galego a facer un gran pacto de país polo litoral, incidiu en que é clave “a unión de esforzos e a interacción entre diferentes actores, públicos e privados, para garantir unha xestión ética e responsable da costa”.
Nese senso, o Goberno galego xa puxo en marcha a Comisión interdepartamental de coordinación de ordenación do litoral, que reúne a todos os departamentos autonómicos con competencias nesta materia, e creará o Foro do litoral, que será o máximo órgano colexiado de participación, asesoramento e consulta no que estarán presentes administracións, universidades, organismos científicos, organizacións de sectores produtivos, asociacións ambientais, etc.
Ademais, xa se está a traballar na organización dun cumio cos 86 concellos costeiros da Comunidade que terá lugar o vindeiro mes de setembro. Tal e como subliñou Ángeles Vázquez, os municipios teñen que ser “parte activa” neste proceso porque son “actores clave na xestión da costa con responsabilidades que van desde a planificación urbanística ata a promoción do desenvolvemento sostible”.
E, nesa aposta pola cogobernanza, a conselleira avanzou que tamén está previsto celebrar un encontro con todas as comunidades costeiras, “á que, por suposto está invitado o País Vasco”, seguindo coa liña de colaboración establecida en anteriores reunións con representantes de Baleares, Comunidade Valenciana e Cantabria.
Normativa innovadora
Nesa liña, a conselleira indicou que a Loxilga, polo seu carácter innovador, é un bo punto de partida para que o conxunto de España teña unha regulación actualizada, moderna e comprometida co desenvolvemento sostible do litoral, tal e como establece a Unión Europa. “A nosa lei entende por primeira vez a xestión da costa desde unha tripla perspectiva: ambiental, social e económica de cara a garantir o equilibrio entre o respecto polo medio ambiente e os usos humanos”, engadiu.
Ademais, a norma galega tamén supón importantes avances no que atinxe á dixitalización e á simplificación administrativa. Así, a Xunta, unha vez transferidos os medios, funcións e servizos o pasado 1 de xullo, activou ese mesmo día o servizo Galicia litoral, no que se ofrece vía telemática ou telefónica información sobre os procedementos. E, nese aspecto, a conselleira salientou que tamén desde ese día o Goberno galego ten habilitada a solicitude única para todos os procedementos, unificando nun único formulario as peticións de autorizacións ou concesións no litoral.
A maiores, a conselleira puxo en valor que nun contexto marcado polo reto que supón o cambio climático, a Loxilga inclúe a elaboración de estudos de resiliencia do litoral. Nesa liña, os riscos asociados ao quecemento global teranse en conta tanto no deseño dos instrumentos de ordenación como na adopción de decisións sobre os usos do litoral. En concreto, prestarase especial atención ao risco de inundacións e ás variacións na frecuencia e intensidade dos fenómenos naturais adversos.
Primeira comunidade en regular a costa en toda a súa extensión
Coa aprobación en xullo do ano 2023 da Loxilga, Galicia converteuse na primeira comunidade en regular por lei o litoral en toda a súa extensión, é dicir, incluíndo tanto a zona terrestre e intermareal como a área mariña ata as 12 millas náuticas. Tal e como dixo a conselleira, o obxectivo “é poder abordar a regulación da costa e dos usos que se desenvolven nela por parte de quen mellor a coñece”.
Neste senso, lembrou que a comunidade galega ten a costa máis extensa de España: algo máis de 2.500 quilómetros, contando o perímetro costeiro pero tamén illas, illotes, marismas e areais. Unha realidade xeográfica que a diferencia doutras comunidades e explica por que o seu modelo produtivo e forma de vida estiveron historicamente ligados ao mar e, por tanto, requiren criterios e regulacións específicos.
“Con esta lei afrontaremos da mellor forma posible os retos de xestión do noso litoral, incluíndo o cambio climático, o desenvolvemento sostible dos concellos costeiros, a protección dos ecosistemas, a biodiversidade e a promoción da economía azul”, concluíu Ángeles Vázquez.

