- Pon en valor que as obras artísticas que a integran plasman á perfección os “recunchos máxicos” do noso litoral coa súa fisionomía tan característica, a súa riqueza natural, o amplo patrimonio cultural ou as tradicións mariñeiras
- Explica que a Xunta xa trazou un calendario de actuacións para dar a coñecer e facer a costa galega máis atractiva que nunca, como o Camiño do litoral, o Catálogo de bens de valor cultural ou o deseño dun chiringuito biosostible
- Apela á colaboración das empresas do sector turístico para promover o litoral galego como destino de referencia e dar resposta ao crecente interese por un turismo sostible e de calidade
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, eloxia a exposición Galicia, litoral máxico como a mellor invitación para descubrir os valores ambientais, turísticos, socioculturais e económicos da costa galega.
Durante a súa visita a esta mostra que estará aberta ata finais de mes na Casa de Galicia de Madrid, a conselleira puxo en valor as obras artísticas que a integran por plasmar á perfección a través das diferentes disciplinas os “recunchos máxicos” do noso litoral coa súa fisionomía tan característica, a súa riqueza natural, o amplo patrimonio cultural ou as tradicións mariñeiras.
Nese senso, Ángeles Vázquez subliñou o obxectivo da Xunta de garantir un desenvolvemento sostible da costa, que se plasma na Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, unha norma “pioneira e innovadora” a través da que preservar o seu valor medioambiental ao tempo que se promove o seu potencial social e económico.
De feito, logo do traspaso á Administración autonómica das funcións e servizos nesta materia o pasado 1 de xullo, a Xunta xa trazou un calendario de actuacións para dar a coñecer e facer o litoral galego “máis atractivo que nunca”. En concreto, Ángeles Vázquez indicou que se está a deseñar o Camiño do litoral, que será unha gran senda que se poderá percorrer desde Ribadeo ata A Guarda a pé, e ata Tui, en bicicleta.
Terá máis de 1.300 quilómetros e 52 etapas das que se ofrecerá toda a información posible a través da aplicación Conecta Litoral, como a flora e fauna propias de cada lugar, os elementos de interese cultural ou os establecementos turísticos.
A maiores, está xa en fase de exposición pública o Catálogo de bens de valor cultural no litoral, que identifica un total de 1.582 elementos que destacan polo seu interese patrimonial, arquitectónico ou cultural, entre outros. De todos eses inmobles inventariados e incluídos no documento, algo máis da metade pertencen ás categorías de bens arquitectónicos ou industriais polo que poderían ter outros usos a futuro compatibles coa súa conservación e protección. Tal e como dixo a conselleira, este tipo de iniciativas tamén poden contribuír ao desenvolvemento sostible da costa e á súa revitalización.
Ademais, Ángeles Vázquez tamén fixo referencia a outras dúas iniciativas de interese neste ámbito como a compra de parcelas privadas co fin de convertelos en refuxios e potenciar a súa conservación ou o deseño dun prototipo de chiringuito biosostible que sirva de modelo para unificar a estética deste tipo de establecementos.
A conselleira animou a todos os visitantes da exposición Galicia, litoral máxico a coñecer a nosa costa sobre o terreo, tanto percorréndoa facendo sendeirismo como desfrutando do seu tempo de lecer nos novos chiringuitos ou aloxándose en establecementos turísticos con encanto. Nese senso, a conselleira aproveitou a presenza de representantes do sector no acto para apelar á súa colaboración na promoción do litoral galego como destino de referencia e dar resposta ao crecente interese por un turismo sostible e de calidade.
“Esta exposición é moito máis que unha homenaxe, é unha carta de presentación á Galicia calidade costeira; é unha ponte entre territorios e emocións e, sobre todo, é unha invitación a coñecer o noso litoral, como un dos principais sinais de identidade da Comunidade”, concluíu Ángeles Vázquez.



