- A Xunta e a Universidade de Vigo inician a segunda fase do proxecto para deseñar ferramentas coas que os municipios poidan actuar a nivel local elaborando mapas de calor que permitan deseñar espazos máis resilientes e saudables
- Os investigadores traballan no deseño dun dispositivo de captura de variables meteorolóxicas polas rúas que se probará na cidade de Ourense ao abeiro do proxecto piloto que se poderá replicar noutras localidades
- Esta acción tamén prevé o deseño dunha aplicación móbil, que se agarda que este operativa antes de que remate o ano, que mostrará mapas actualizados de illas de calor en cada cidade e recomendacións para minimizar a exposición ao calor extremo
- O avance do informe mensual de MeteoGalicia conclúe que o mes pasado a temperatura media foi de 20,5 graos, 2,8 graos superior ao habitual, pola chegada de masas de aire moi cálido
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe a importancia de avanzar, como está a facer a Xunta, no traballo para crear refuxios climáticos nos concellos despois de que o pasado mes de xuño fose o máis cálido da serie histórica. Este fito, subliñou, demostra a transcendencia do proxecto que está a desenvolver o Executivo galego da man da Universidade de Vigo para deseñar ferramentas coas que os municipios poidan actuar neste eido a nivel local.
A responsable autonómica mantivo un encontro cos investigadores que están a executar o proxecto, que xa entra na segunda fase, pois a Universidade de Vigo completou a elaboración da metodoloxía deseñada para as características dos municipios galegos, que permitirá elaborar mapas de calor para xestionar e optimizar espazos urbanos e rurais máis resilientes e saudables coa localización de refuxios climáticos.
Esa metodoloxía, explicou a conselleira, inclúe a segmentación segundo a tipoloxía do concello -tendo en conta cuestións como a poboación, superficie, o seu clima e se é urbano ou rural-, a determinación das zonas de illas de calor e de refuxios climáticos, a captura de datos do municipio -como temperatura, humidade e radiación solar xeolocalizados e almacenados nunha plataforma centralizada- e o tratamento de datos e elaboración de mapas de calor mediante ferramentas de intelixencia artificial e sistemas de información xeográfica para consulta pública e validación dos concellos.
A segunda fase comeza agora co deseño do dispositivo de captura de variables meteorolóxicas -que calquera persoa pode levar enriba para ir recollendo datos polas rúas- e proba do mesmo. A información obtida pasarase a un programa informático para avaliala e facer propostas de zonas como illas de calor, refuxios climáticos e zonas de preservación da biodiversidade.
Unha vez deseñado este dispositivo, probarase en Ourense -onde se vai realizar o proxecto piloto de mapa de illas de calor e refuxios climáticos- por ser a cidade galega sometida a temperaturas máis altas. Os resultados desa iniciativa poderán replicarse nos concellos a través da Rede local polo clima.
Ademais, como última fase desta acción, a intención é deseñar unha aplicación móbil, accesible para a cidadanía, que mostrará mapas actualizados de illas de calor en cada cidade así como recomendacións para minimizar a exposición ao calor extremo. O obxectivo é que estea operativa a finais deste ano.
Deste xeito a Xunta avanza nun proxecto de acción contra o cambio climático co que as entidades locais poderán identificar no seu ámbito de actuación cales son as illas de calor -as zonas coas temperaturas máis altas do concello-, cales os refuxios climáticos -áreas frescas, verdes e con arborado que poidan ser empregadas pola poboación en episodios de temperaturas elevadas- e cales zonas de preservación da biodiversidade, que poden coincidir co ámbito dalgún espazo definido como refuxio climático.
Informe climatolóxico
Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, incidiu en que os últimos datos climáticos de Galicia mostran a necesidade de desenvolver actuacións coma esta. O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a comunidade rexistrou o mes de xuño máis cálido da serie histórica cunha temperatura media de 20,5 graos, o que supón 2,8 graos máis do que é habitual neste período do ano.
As temperaturas rexistradas ao longo do mes foron moi superiores ás esperadas en xuño, debido principalmente aos dous importantes episodios de calor rexistrados na segunda quincena do mes. De feito, a media das temperaturas máximas foi de 25,4 graos, 3 graos superiores ás que se rexistran normalmente, e a das mínimas foi 13,7 graos, 2,6 graos máis do que adoita ser habitual.
A conselleira explicou que esta situación estivo moi determinada polos episodios anticiclónicos da segunda quincena que, ademais de tempo seco, achegaron masas de aire moi cálido. Precisamente no caso de Ourense, nos últimos 15 días do mes soamente houbo dúas xornadas nas que os termómetros quedaron algo por debaixo dos 30 graos e, pola contra, houbo catro xornadas nas que se superaron os 40 graos.
Apoios a concellos
Esta situación reforza a idea do Executivo galego de impulsar a creación de refuxios climáticos e outras accións para estender a presenza de infraestruturas verdes no territorio, adaptadas ao cambio climático e cunha mellor calidade de vida, para promover Galicia como refuxio climático. De feito, o fin último é consolidar a posición da comunidade como a máis resiliente ao quecemento global co obxectivo último de acadar a neutralidade climática en 2040.
Nese contexto, e como unha ferramenta máis para conseguilo, enmárcanse as axudas convocadas por primeira vez este ano e dirixidas a concellos para o impulso de espazos verdes como solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos. En total aprobouse a concesión de 42 achegas a 35 concellos por importe de 2 millóns de euros para desenvolver iniciativas coas que crear refuxios climáticos urbanos, impulsar actuacións que aumenten a biodiversidade e mellorar as infraestruturas verdes e fluviais.