— Cualifica como moi positivo o regulamento, no que se inclúe o transporte marítimo, polos beneficios ambientais, reputacionais e competitivos que suporá
— Fai fincapé na necesidade de que coa nova norma se teñan en conta os custos derivados da súa aplicación por parte das administracións subnacionais
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor que a proposta da Unión Europea para reducir a contaminación por microplásticos mediante a prevención das perdas de pellets contribuirá a rebaixar nun 6% os vertidos non intencionados deste material ao medio ambiente.
Durante a súa intervención na reunión do Consello de ministros europeos de Medio Ambiente, na que participou en representación das comunidades autónomas españolas, a conselleira cualificou como “moi positiva” a proposta de regulamento aprobada hoxe para reducir a contaminación por microplásticos provocada por vertidos non intencionados. Esta norma pretende reducir as perdas de granza no medio entre un 54% e un 74% con respecto ao valor inicial de referencia, o que suporá beneficios ambientais, reputacionais e competitivos.
Nesa liña, Ángeles Vázquez engadiu que a adopción de normas vinculantes para o transporte marítimo de granza de plástico en contedores é fundamental para reducir o seu “impacto negativo” no clima, a biodiversidade, a economía e a saúde. Ademais, este granulado plástico é moi difícil de recuperar unha vez dispersado e a súa mobilidade facilita que se expanda por aire, augas superficiais, correntes mariñas e solos agrícolas.
De feito, tal como subliñou a representante autonómica, Galicia é coñecedora das consecuencias deste tipo de sucesos. Así, hai un ano o buque Toconao liberou 26 toneladas de pellets no océano Atlántico, o que exixiu un amplo despregue de medios por terra, mar e aire por parte da Xunta -chegando a sumar máis de 400 operarios a pé de praia- e un gasto estimado de máis de 2,3 millóns de euros.
Nese senso, a conselleira fixo fincapé na necesidade de que na nova normativa se teñan en conta os custos derivados da súa aplicación por parte das administracións subnacionais e, por iso, solicitou que se dispoñan os correspondentes recursos financeiros e técnicos.
Cómpre lembrar que Galicia exerceu de voceira das comunidades españolas neste encontro logo de que fose designada para exercer esta representación durante as dúas reunións dos ministros de Medio Ambiente da UE programadas para o segundo semestre de 2024.

