HomeA CoruñaAs axudas para compensar os danos causados polo xabaril e o lobo...

As axudas para compensar os danos causados polo xabaril e o lobo en cultivos e gando poderán solicitarse a partir de mañá

- Anuncio -spot_img

O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar as ordes polas que se convocan ambas liñas de subvencións, dotadas en total de máis de dous millóns de euros e cos que se estima que se poderán outorgar unhas 2.300 subvencións

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de convocar dúas ordes de axudas para paliar os danos producidos polo lobo sobre o gando e para compensar os danos causados polo xabaril nos cultivos agrícolas. Todos os interesados nalgunha destas liñas de subvención, que suman máis de dous millóns de euros, poderán presentar as súas solicitudes a partir de mañá en caso de que os danos foran comunicados dentro do período fixado en cada unha das ordes.
Tendo en conta o orzamento dispoñible e o resultado das convocatorias anteriores, estímase
que en 2021 poderán beneficiarse de ambas ordes de axudas arredor de 2.300 titulares de
explotacións gandeiras e persoas que sufran danos nos seus cultivos agrícolas.
Concretamente, a nova convocatoria para paliar os danos producidos polo lobo conta cunha
partida inicial de 646.224 euros, o que supón un incremento do 61,5% respecto aos 400.000 euros cos que contou o ano pasado. Esta orde comprende as axudas para os danos producidos polo lobo que se comuniquen dende o 1 de outubro de 2020 ata o 30 de
setembro de 2021. A estimación da Consellería de Medio Ambiente é que cos fondos
dispoñibles este ano se poderán chegar a conceder unhas 800 axudas.
As contías concedidas variarán en función das especies afectadas e dos tramos de idade,
oscilando entre os 26 euros dun exemplar de gando ovino/cabrún adulto e os 1.817 euros
dunha vaca de raza autóctona de entre dous e seis anos de idade.
Estes importes poderán incrementarse nun 30% en determinados concellos indicados na
propia Orde e nun 10% no caso daquelas explotacións nas que se teña comprobada a
aplicación de medidas preventivas avaliadas de xeito favorable. Tamén serán subvencionables os gastos veterinarios, de eutanasia e por animais abortados como
consecuencia do acto de depredación.
En canto á orde de axudas para paliar os danos dos xabarís sobre cultivos, a nova
convocatoria dispón dun orzamento de 1.447.300 euros co que se estima que se poderán
outorgar unhas 1.500 subvencións. A esta liña poderán acollerse as persoas afectadas por
ataques de xabaril nos seus cultivos agrícolas que se comuniquen desde o 11 de outubro de
2020 ata o 10 de outubro de 2021.

As contías a conceder en cada caso dependerán da superficie que resulte afectada pero
poderán chegar ata un máximo de 2.000 euros por beneficiario, o que supón unha
importante novidade xa que se incrementa o importe límite respecto ao de 2020, cando
estaba fixado en 1.700 euros.
Paquete de axudas ante a fauna silvestre con novidades
As dúas ordes de axudas publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia forman parte dun
paquete máis amplo de subvencións en materia de indemnización e prevención dos danos
provocados pola fauna silvestre. En total, a Consellería sacará catro programas de
subvencións para o ano 2021 cos que mobilizará 2,63 millóns de euros e se agarda poder
atender unhas 3.000 solicitudes.
Mañá convocarase a liña específica de axudas para previr e evitar os danos derivados dos
ataques da fauna silvestre, dotada este ano con 480.000 euros; e como novidade, nas
próximas semanas tamén se sacará por primeira vez unha liña específica dotada con 60.000
euros para indemnizar a afectados polos danos do oso.
Deste xeito, a Xunta cumpre co compromiso adquirido co sector agrogandeiro e ao igual que
nas dúas anualidades anteriores, convocará a comezos de ano o paquete completo de
subvencións fronte á fauna silvestre, cubrindo así a sementeira e a recollida do millo.
Cómpre lembrar que desde hai anos o Goberno galego convoca axudas para paliar e prever
os danos ocasionados pola fauna silvestre como un complemento efectivo ás medidas de
xestión destas especies. Así, desde o ano 2016 a Xunta mobilizou preto de 6,5 millóns de
euros a través das diferentes convocatorias das ordes de axuda en materia de
indemnización e prevención de danos ocasionados polo lobo e o xabaril.

Publicacións Relacionadas