- O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude visita o conxunto escultórico da Ría de Vigo tras a restauración levada a cabo en dúas das súas pezas
- López Campos destaca “a implicación coas demandas das administracións locais para a conservación dos puntos de interese cultural dos seus concellos”
- As figuras dos mergulladores, localizadas nas proximidades da Illa de San Simón, foron rehabilitadas nun taller polo deterioro sufrido pola acción do mar sobre elas
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, achegouse hoxe ao conxunto escultórico do Capitán Nemo, próximo á Illa de San Simón, para comprobar o resultado da restauración ao que foi sometido cun investimento de 14.500€ por parte do Goberno galego. Unha mostra, apuntou, “da nosa implicación coas demandas das administracións locais para a conservación dos puntos de interese cultural nos seus concellos”.
Neste senso, o representante da Xunta, que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou o “gran traballo realizado polo estudo de Sergio Portela para a rehabilitación das figuras dos buzos expostas ao deterioro pola acción do mar sobre elas”. Así, puxo en valor o interese das esculturas, que lembran a referencia á Ría de Vigo e á Batalla de Rande na novela de Julio Verne Vinte mil leguas de viaxe submarina, “como un xeito de unir historia e literatura coa illa de San Simón de fondo”.
Os estudos previos realizados sobre o conxunto detectaron o mal estado dos mergulladores derivada do propio lugar no que se atopan pola subida e baixada da marea. As pezas sufrían a invasión de cunchas de lapas e mexillóns, a falta dalgún complemento e mesmo algún desprendemento, polo que se solicitou a intervención da que se fixo cargo a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Dadas as características da súa localización, na enseada de San Simón, e os limitacións dos cambios da marea, as figuras foron trasladadas ao taller para a súa limpeza e reparación e devoltos de novo ao seu lugar, “onde agardo sigan a gozar da súa peculiaridade tanto veciñanza como visitantes”, apuntou López Campos.