HomeXunta de GaliciaAs promocións de inspectores e inspectores principais de Policía Local clausuran en...

As promocións de inspectores e inspectores principais de Policía Local clausuran en Madrid o curso selectivo impartido pola Academia Galega de Seguridade Pública

- Anuncio -spot_img
  • O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe o Instituto de Formación Integral en Seguridade e Emerxencias da Comunidade de Madrid
  • Na última semana do curso selectivo, o alumnado de ambas promocións coñeceu os centros onde se forma a Policía Local ou a Axencia de Seguridade e Emerxencias de Madrid
  • Tamén comprobarán esta tarde o dispositivo de seguridade instalado no estadio do Atlético de Madrid polo partido de hoxe co Inter de Milán e reuníronse cos responsables do operativo de seguridade no Concello de Madrid durante as festas de Nadal

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na visita ao Instituto de Formación Integral de Seguridade e Emerxencias (Ifise) da Comunidade de Madrid, xunto co director xeral de seguridade da Comunidade de Madrid, Luis Miguel González e o director xeral da Axencia de Seguridade e Emerxencias Madrid 112, Pedro Antonio Ruiz.

Tamén visitaron o centro a vintena de  alumnos que integran a décima promoción de inspectores de Policía Local e a sétima de inspectores principais da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) e que esta semana rematan a súa formación.

Coincidindo coa última semana do curso selectivo, ambas promocións trasladáronse a Madrid para coñecer como traballan e se coordinan os efectivos que se encargan da seguridade pública nesta comunidade, en especial no que se refire á organización de dispositivos en grandes eventos, un dos temas abordados durante as sesións presenciais e en liña da formación.

Xa na xornada de onte visitaron a Axencia de Seguridade e Emerxencias de Madrid 112 e o Centro Integral de Formación de Seguridade e Emerxencias (Cifse), onde coñeceron a formación da Policía Local de Madrid, os seus procesos selectivos e a coordinación cos servizos de emerxencias. Hoxe, ademais de visitar o Ifise, serán recibidos pola tarde na sede central da Policía municipal de Madrid, onde coñecerán a súa emisora central e se reunirán con responsables da planificación do dispositivo de seguridade do Concello durante o Nadal. Por último, comprobarán o operativo de seguridade instalado no estadio Riyadh Air Metropolitano para o partido de hoxe da quinta xornada da fase de grupos da UEFA Champions League entre o Atlético de Madrid e o Inter de Milán.

Proceso selectivo unificado

Desde 2018, a Xunta, a través da Agasp, realiza os procesos selectivos unitarios do persoal de Policía Local mediante convenios cos concellos que ceden esta competencia no Goberno galego. Así, dos 126 municipios galegos con corpo de Policía Local, máis do 80% -incluíndo as sete cidades galegas – encomendan á Academia a selección dos seus axentes.

Ademais de formar as promocións de policía local, de auxiliares e das categorías de mando, a Agasp é o centro de referencia da formación das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias, cun amplo plan de formación continua anual.

Publicacións Relacionadas