As Universidades da Coruña e Vigo terán profesores asociados en Ciencias da Saúde o vindeiro curso para avanzar na descentralización do Grao en Medicina da USC

Redacción

— Serán sete docentes, que permiten completar a descentralización total da práctica no 5º e 6º curso deste grao, que será efectiva no próximo ano académico 2026/27

— Apróbase o regulamento das unidades docentes que se ocuparán de impartir a teoría e práctica a medida que se avance na descentralización

— A previsión é completar o proceso no curso 2028/29, unha vez se realicen as modificacións precisas na titulación para introducir os cambios derivados da docencia descentralizada

As universidades da Coruña e de Vigo terán profesores asociados de Ciencias da Saúde (coñecidos como PACS) propios o vindeiro curso. Serán un total de sete –catro na UDC e tres na UVigo– os novos profesionais que se incorporen para facilitar que a descentralización completa da docencia práctica do grao en Medicina da Universidade de Santiago de Compostela sexa efectiva no curso 2026/27.
Así se acordou na Comisión de Seguimento do Acordo de descentralización do Grao en Medicina, na que participaron os conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, así como a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, e os reitores da Universidade da Coruña, Ricardo Cao e da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa.
As universidades da Coruña e de Vigo serán as responsables de convocar as prazas deste profesorado asociado de Ciencias da Saúde e incorporalo ao seu cadro de persoal. Estas prazas incluiranse, ademais, no concerto único do SERGAS coas universidades.
Grazas a esta incorporación, o vindeiro curso 2026/27 estarán completamente descentralizadas nas tres universidades e nos sete hospitais a docencia práctica clínica de 6º de Medicina –que xa o está neste momento, grazas ao acordo asinado no 2015– e de 5º de Medicina –que ata agora só o estaba de xeito parcial–.
Unidades docentes
A Comisión de Seguimento tamén aprobou o regulamento das unidades docentes que se ocuparán de materializar de xeito progresivo a descentralización. O regulamento establece cuestións como os criterios de distribución do alumnado no caso de existir máis demanda que prazas. Entre estes prima o domicilio familiar, circunstancias como enfermidade grave, discapacidade, conciliación familiar, vitimas de acoso… e a nota media do expediente académico. Así mesmo, determina a composición e organización das unidades docentes, así como as súas concretas funcións para o correcto desenvolvemento da docencia do grao.

Tal e como se estableceu no acordo asinado, as unidades vencelladas á UDC e á UVigo acollerán, cada unha delas, en torno ao 25% do alumnado matriculado no grao de Medicina no curso descentralizado que corresponda, e que así decida de xeito voluntario, así como ao profesorado que imparta a docencia. Ademais, o 50% das novas contratacións de profesores adscribirase ás universidades da Coruña e Vigo.

Próximos pasos
A Comisión de Seguimento analizou, ademais, os próximos pasos no proceso, que inclúen a reverificación do grao en Medicina para poder incorporar todos os cambios na docencia e que estes teñan validez e todas as garantías para o alumnado. Con todo, a Comisión mantivo como prazo final para completar a descentralización total da docencia –teórica e práctica– o curso 2028/29.

Na actualidade, o grao en Medicina está a impartirse a través de dous plans de estudos. Un deles está en extinción e, polo tanto, non pode modificarse, mentres que o outro está en implantación –neste ano académico impártese en 1º e 2º curso do grao–. Este novo plan debe someterse a reverificación para establecer todos os cambios que esixe a descentralización. Por exemplo, o título actual contempla a docencia teórica só de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, aspecto que cómpre modificar ampliándoa ás novas unidades docentes da Coruña e Vigo.

Así mesmo, a memoria de reverificación da titulación deberá incorporar os cambios derivados da aplicación do convenio.

Unha vez completada a documentación, debe someterse ao visto e prace da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). Para axilizar o proceso, desde a Xunta impulsarase unha reunión técnica cos técnicos da ACSUG co fin de aclarar as dúbidas e establecer os prazos máis axustados.

Comparte este artigo