HomeXunta de GaliciaAugas de Galicia reforza cun 70% máis de fondos as axudas a...

Augas de Galicia reforza cun 70% máis de fondos as axudas a concellos, particulares e comunidades de usuarios para accións en saneamento e abastecemento

- Anuncio -spot_img
  • O orzamento do organismo para 2026 é de 151,7 M€, un 5,5% máis que en 2025, e terá como principais liñas de actuación a optimización do saneamento e o abastecemento, a formación de técnicos e a execución de políticas de prevención ante os riscos climáticos
  • Prestarase especial atención aos núcleos rurais cun investimento previsto de 17,8 M€, o que supón un incremento do 40% con respecto a 2025
  • Resérvase unha partida de 17 M€, un 12,4% máis que en 2025, á protección dos ecosistemas fluviais, que inclúe, entre outras cuestións, o programa de mantemento e conservación fluvial

A Xunta, a través de Augas de Galicia, destinará o vindeiro ano 12,6 millóns de euros a axudas para apoiar a concellos, particulares e usuarios na execución de proxectos para mellorar o servizo de saneamento e abastecemento, o que supón un 70% máis que en 2025.

Segundo explicou o director do organismo hidráulico, Roi Fernández, na presentación dos orzamentos do seu departamento para 2026 en comisión parlamentaria, aínda que a prestación deste servizo é unha responsabilidade de competencia municipal, a Xunta seguirá prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten, tal e como leva facendo desde hai anos.

Deste xeito, faranse novas convocatorias de axudas para auditorías para facer unha diagnose sobre o funcionamento das redes de abastecemento e de saneamento, así como para acometer pequenas obras e actuacións ou para reparar fugas e perdas de auga existentes nas respectivas redes. Cómpre subliñar que no ano 2025 concedéronse un total de 261 axudas por un importe global de 7,6 millóns de euros.

A maiores, o director de Augas de Galicia, logo de incidir en que o orzamento do organismo para o vindeiro ano é de 151,7 M€ -un 5,5% máis que en 2025, subliñou que as principais liñas de actuación serán a optimización do saneamento e o abastecemento coa mellora e creación de infraestruturas, a formación e a divulgación de técnicos e cidadanía e a execución de políticas de prevención ante os riscos climáticos e que aumenten a resiliencia hídrica da comunidade.

Máis polo miúdo, Roi Fernández sinalou que Augas de Galicia 108,7 M€ a abastecemento e saneamento e 73,6 M€ especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.

Algunhas das actuacións que se desenvolverán para mellorar o abastecemento serán a reparación da rede xeral de Ribadeo e Trabada (8,5 M€), a mellora do servizo de Ares (4,3 M€), Valdoviño (1,5 M€), Friol (0,6 M€) ou Castrelo de Miño (0,5 M€). A maiores, o orzamento tamén inclúe, entre outras, actuacións para mellorar a estación potabilizadora de auga potable do Salnés (6 M€), a da marxe dereita da ría de Arousa (10,8 M€), Baiona (3,2 M€) ou Baralla (3,2 M€).

En canto ao saneamento, consígnanse actuacións como as xa en curso nas depuradoras de Foz (14,1 M€), Sada (12,5 M€) e Noia (3,5 M€), a coas novas actuacións de depuración en Vilagarcía de Arousa (31,3 M€), Burela (8,7 M€), Arcade (13,6 M€), Cee–Corcubión (13,9 M€), Lalín (27,6 M€) ou Barro (3,4 M€).

Roi Fernández fixo fincapé en que se prestará especial atención aos núcleos rurais cun investimento previsto de 17,8 M€, o que supón un incremento do 40% con respecto a 2025. En concreto, actuarase en dúas liñas: o desenvolvemento das zonas rurais dos grandes núcleos como Ferrol, Santiago ou Lugo, así como con fórmulas axeitadas para pequenos núcleos ou poboación dispersa.

A maiores, Augas de Galicia reserva unha partida de 17 M€ – un 12,4% máis que en 2025- á protección dos ecosistemas fluviais, que inclúe, entre outras cuestións, o programa de mantemento e conservación fluvial. En concreto, 3,16 M€ destinaranse á execución deste tipo de labores no dominio público hidráulico o ano que vén, cun incremento do 17% e que permitirá tamén a posta en marcha dun programa pioneiro de voluntariado para o mantemento de ribeiras fluviais.

No eido da educación e concienciación sobre os recursos hídricos, tamén se lanzará a iniciativa Lecer nos ríos, con 1 M€, que promoverá a realización de festivais e eventos ambientais en áreas fluviais con actividade de ocio e deportivas.

Publicacións Relacionadas