— A delegada da Xunta lembrou que o prazo estará aberto ata o 5 de maio e que as achegas van dirixidas a concellos de menos de 30.000 habitantes e que poden solicitar as subvencións de xeito individual ou conxunto
— Esta orde apoia a execución de obras nas dependencias municipais, en prazas, parques, paseos e rúas, en redes de luz pública e na pavimentación de camiños municipais, entre outras
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, visitou o Concello para coñecer as melloras realizadas cun apoio da Xunta de case 34.000 euros a través da orde infraestruturas de uso público da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que está destinada a localidades de menos de 30.000 habitantes. Concretamente, con esta partida levou a cabo o acondicionamento de dous camiños municipais que contaron cun investimento total de máis de 48.000 euros.
Durante a visita a delegada destacou importancia das actuacións levadas a cabo nos camiños de Canasteves, na parroquia de Tella, e de O Picoto-Gondomil, na parroquia de Corme Aldea, cuxas obras veñen de rematar recentemente co obxectivo de mellorar a seguridade, accesibilidade e funcionalidade destas infraestruturas viarias.
No caso do camiño de Canasteves, que presentaba un firme parcialmente de formigón e parcialmente de terra en estado intransitable, executáronse traballos integrais de acondicionamento. As actuacións incluíron o desmonte do talud e dun muro de mampostería existente, así como a escavación necesaria para o ensanche da plataforma. Ademais, procedeuse á execución dun novo muro de mampostería de pedra granítica.
No relativo ás pavimentacións, levouse a cabo a formación da explanada mediante material seleccionado, garantindo a adecuada configuración de pendentes e taludes. Posteriormente, realizouse o subministro e estendido de zahorra artificial. Finalmente, executouse un pavimento de formigón armado de 20 centímetros de espesor, apto para tráfico pesado.
Pola súa banda, no camiño de O Picoto, que se atopaba en terra e en malas condicións debido á súa pendente e á falta de mantemento das cunetas, realizáronse traballos previos de limpeza profunda de cunetas, tubos e tajeas, así como o perfilado de taludes e a formación de arcenes, incluíndo tamén labores de desbroce e limpeza superficial do terreo.
En canto á pavimentación, procedeuse igualmente á formación da explanada con material seleccionado, asegurando as condicións axeitadas de drenaxe e estabilidade. Completouse a actuación co subministro e compactado de zahorra artificial como base do firme e dos arcenes.
A delegada puxo en valor estas intervencións, sinalando que “estas obras permiten recuperar a funcionalidade de dous camiños fundamentais para a veciñanza, garantindo mellores condicións de tránsito e contribuíndo á seguridade viaria e ao desenvolvemento do rural”.
Finalmente, subliñou o compromiso da Xunta coa mellora das infraestruturas locais, especialmente no ámbito rural, co fin de favorecer a calidade de vida da cidadanía e a vertebración do territorio.
Apoio ás dotacións e servizos básicos municipais
Con esta iniciativa o Goberno galego quere impulsar a calidade de vida da veciñanza das áreas rurais a través da colaboración cos concellos, como entidades máis próximas á cidadanía e motores do desenvolvemento económico. O obxectivo é mellorar das dotacións e infraestruturas básicas e dos servizos municipais. Búscase así favorecer a fixación de poboación e garantir o equilibrio no territorio galego entre o medio rural e o urbano, o interior e da costa, a prol dunhas óptimas condicións de vida con independencia do lugar de residencia.
O pasado ano esta medida permitiu impulsar máis dun cento de proxectos municipais en toda Galicia, 34 deles na provincia da Coruña, cun investimento superior ao millón de euros. Concretamente, na comarca de Bergantiños-Costa da Morte, recibiron estas achegas os concellos da Laracha, Ponteceso, Laxe, Cerceda, Camariñas, Coristanco e Cee por un importe superior aos 237.000 euros.
Nova orde 2026
Durante a visita a delegada da Xunta aproveitou para animar aos alcaldes a solicitar a nova orde destas axudas para a creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. Dotada cun orzamento de 3,5 millóns de euros, ten o prazo aberto ata o 5 de maio en concorrencia competitiva.
A través desta convocatoria subvenciónanse as obras nas redes de alumeado público; a pavimentación de camiños públicos municipais; e as obras en prazas, parques, paseos e rúas. A estas engádense a creación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinadas á prestación de servizos municipais, así como a mellora da súa accesibilidade ou a dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.
As axudas van dirixidas aos concellos de menos de 30.000 habitantes, que poden solicitalas de xeito individual ou mediante asociacións ou agrupacións. Cada concello pode presentar un máximo de dúas solicitudes, sempre que unha delas sexa individual e outra conxunta e para actuacións diferentes. Ademais, cada petición debe corresponderse cun único proxecto, que pode abranguer varias accións.
A colaboración do Goberno galego financiará ata o 80% do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais e de 50.000 euros para as conxuntas ou as presentadas por concellos resultantes dun proceso de fusión municipal.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

