O proxecto, que conta cun orzamento próximo aos 45.000 euros, contempla a execución dun tramo de arredor de 500 metros de lonxitude
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, e pola directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, María Pilar Arias, visitaron a zona na que se levará a cabo a construción dunha nova senda que prolongará o actual paseo litoral de Ponteceso seguindo o curso do río Anllóns pola súa marxe dereita, reforzando a posta en valor do río Anllóns. As obras comezarán a primeira semana de outubro e quedarán executadas antes de que remate o mes de novembro.
O proxecto, que conta cun orzamento próximo aos 45.000 euros, contempla a execución dun tramo de arredor de 500 metros de lonxitude, coa colocación dun bordo de aceiro corten, a habilitación dun pavimento de terra estabilizada con cemento de 10 centímetros de espesor e a instalación de bolardos metálicos que impedirán o acceso de vehículos.
Durante a visita, Belén do Campo destacou que a creación deste tipo de sendas supón un investimento clave para a mellora da calidade de vida da veciñanza, ao tempo que contribúe á protección e posta en valor dos espazos naturais. “Con iniciativas como esta favorecemos un uso sustentable do territorio, fomentamos a mobilidade peonil e ofrecemos novos recursos para o lecer e o turismo sostible”, sinalou.
A Xunta continúa así a súa aposta por impulsar actuacións que compatibilicen a conservación ambiental co desfrute social e turístico, reforzando a conexión da cidadanía cos ríos e coa paisaxe.



