A delegada da Xunta participou no peche deste taller de formación que contou cun apoio da Xunta de 546.000 euros e anunciou que estes concellos volverán a contar cun novo taller de formación este ano
A representante do Goberno autonómico destacou que con estes dous obradoiros a Xunta inviste en Noia-Lousame case un millón de euros
A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto ao alcalde de Noia, Santiago Freire e concelleiro de Obras, Medio Ambiente e Medio Rural de Lousame, Ramón Martínez, participou na clausura do obradoiro de emprego dual Noia-Lousame 2023 no que se formaron a 20 persoas en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. A delegada destacou que este taller de emprego péchase despois de 12 meses, grazas a un investimento da Xunta de máis de 546.000 euros, no que os 20 alumnas e alumnos realizaron máis de 35 tarefas de limpeza, desbroce, poda, eliminación de especies invasoras e plantacións neste dous concellos.
Na súa intervención a representante do Goberno autonómico anunciou que Noia e Lousame volverán a contar cun novo obradoiro este ano Noia-Lousame 2024 coa mesma temática e cun apoio de máis de 411.000 euros que permitirá seguir formando a outras 20 persoas sen emprego destes dous municipios, ao mesmo tempo que colaboran coa prestación de servizos públicos aos seus veciños.
Neste taller realizaronse tarefas de desbroce, poda e eliminación de especies invasoras en espazos de Noia como Chainza, praza de San Lázaro, Monte do Bolo, o entorno de local social da Barquiña, na praza de Bergondo, no entorno do local social de Barro ou na praza do Campo da Feira entre outros espazos, en total os alumnos realizaron 18 actuacións neste concello.
Ademais, tamén levaron a cabo intervencións de desbroce, poda, eliminación de especies invasoras e retirada de árbores en Lousame, concretamente nas minas de San Finx, na finca de San Lourenzo, na depuradora Rebullo, no Monte da Filgueira e nas parcelas da Casa do Concello, colexio da Silva, centro de día municipal, local social de Vilacoba e pista polideportiva de Vilacoba. En total 17 actuacións neste municipio.
Belén do Campo destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. “O obxectivo – incidiu – é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación”. Neste senso, animou a todos os participantes a aproveitar a formación recibida para buscar traballo e incluso para iniciar o seu propio negocio “porque estades preparados para traballar nun sector que precisa, nestes momentos, de profesionais cualificados”, subliñou.
Obradoiros 24-25
Belén do Campo subliñou que en toda Galicia os obradoiros de emprego duais supoñen un investimento por un importe de máis de 36 millóns de euros para un total de 87 accións deste tipo coas que se prevé beneficiar a máis de 1.700 persoas sen traballo.
Estes obradoiros –que poden ser solicitados por concellos, mancomunidades de municipios ou entidades públicas dependentes, así como por entidades sen ánimo de lucro do sector forestal- perseguen mellorar a empregabilidade dos participantes, ofrecéndolles unha formación teórico-práctica para o emprego de calidade. Ao tempo, suporán a mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para toda a sociedade.
Os obradoiros duais
Na convocatoria de 2024-2025, ofrécense 9 meses de formación con contrato de traballo e coa posibilidade de inserción posterior en empresas da contorna.
O alumnado, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, pode obter un certificado de profesionalidade. Tamén se lles abre a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas por un mínimo de tres meses unha vez completada a formación, grazas aos incentivos que ofrece a Xunta.
Para acceder a estes obradoiros, priorizaranse as persoas con especiais dificultades de inserción: mulleres, vítimas de violencia de xénero, emigrantes retornadas, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos, persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, entre outras. Terán preferencia tamén as persoas discapacitadas ou as beneficiarias do tramo de inserción da renda básica de Galicia, así como as que solicitaran este servizo a través da súa demanda de emprego e, dentro destas, aquelas que teñan prevista a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción laboral.
A Xunta de Galicia encargarase, no caso dos obradoiros duais de emprego, de financiar a formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal…), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos co alumnado.
Cómpre engadir que desde o ano 2009 o Goberno autonómico leva asignado case 490,7 millóns de euros para este tipo de accións, acadando preto dun milleiro de obradoiros duais realizados con ao redor de 21.000 participantes en toda Galicia.