Belén do Campo informou que a Xunta xa publicou a nova orde de axudas do Fondo de Compensación Ambiental deste ano para apoiar os concellos na mellora do medio natural. O prazo para solicitar as achegas remata o 6 de marzo
En concreto, contemplou a adquisición dun vehículo eléctrico enchufable SUV 100 % eléctrico, xunto co seu correspondente punto de recarga, para uso dos servizos municipais, así como diversa maquinaria especializada para labores medioambientais.
O obxectivo principal deste proxecto foi reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro mediante o fomento da mobilidade eléctrica e, ao mesmo tempo, protexer e restaurar os espazos naturais do termo municipal.
Belén do Campo destacou que a renovación progresiva do parque móbil municipal permite avanzar cara a un modelo máis eficiente e sostible, substituíndo vehículos antigos e máis contaminantes por outros con menores emisións.
No ámbito da protección e restauración do medio natural, incorporouse un novo equipamento que para mellorar actuacións como a limpeza de camiños, a recuperación de áreas naturais e o mantemento das zonas verdes do municipio. Entre o material adquirido figuran seis desbrozadoras, dúas motoserras de uso profesional, unha formigoneira eléctrica e unha desbrozadora con rodas, reforzando así a capacidade operativa dos servizos municipais.
Durante a visita, a delegada da Xunta puxo en valor este tipo de actuacións que contribúen á mellora da calidade ambiental, ao uso responsable dos recursos públicos e á loita contra o cambio climático, destacando a importancia de seguir impulsando iniciativas que combinen sustentabilidade, eficiencia enerxética e coidado do territorio.
Neste senso informou que o ano pasado recibiron estas achegas, de concorrencia non competitiva, 11 concellos da comarca de Bergantiños-Costa da Morte (Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cerceda, Coristanco, Dumbría, A Laracha, Malpica, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas) por un importe de máis de 545.000 euros e na provincia da Coruña beneficiáronse desta orde 49 concellos por un importe total de máis de 2,2 millóns de euros.
Nova orde
A representante do Goberno autonómico aproveitou a visita para anunciar que a Xunta xa publicou a nova orde de axudas do Fondo de Compensación Ambiental para apoiar os concellos na mellora do medio natural. O prazo para solicitar as achegas remata o 6 de marzo.
A delegada explicou que neste exercicio a Xunta incrementa o orzamento da iniciativa a máis de 11,4 millóns de euros, fronte aos 11,2 de anteriores convocatorias. Outra das novidades é a prioridade dos proxectos de mellora ou reparación das redes municipais de saneamento e abastecemento de auga potable que foran afectadas polos incendios forestais do verán de 2025.
A orde distingue dúas liñas de axudas, unha en concorrencia non competitiva, dotada con 6 millóns de euros, e outra en concorrencia competitiva, á que se asignan 1,9 millóns de euros.
A liña non competitiva vai dirixida aos concellos nos que haxa parques eólicos e liñas de evacuación e a liña competitiva, a todos os concellos, mancomunidades ou consorcios locais de Galicia, sempre que estean participados por un ou varios concellos. Cada municipio pode presentar ata dúas solicitudes, sempre que unha sexa individual e outra conxunta. Cada unha delas debe corresponderse cun único proxecto, que, no caso das solicitudes individuais de concellos, pode abranguer varias accións.
Accións subvencionables
As accións subvencionables deberán destinarse a actuacións que respondan a criterios como a conservación da biodiversidade, o coñecemento e utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, a recuperación de espazos degradados ou contaminados, o impulso da eficiencia enerxética e o uso sustentable das enerxías renovables, así como outras actuacións de protección ambiental.
Entre os proxectos que poderán optar ás axudas inclúense campañas de sensibilización e divulgación ambiental, auditorías e certificacións enerxéticas en edificios municipais, plans de implantación de estratexias enerxéticas, actuacións de mellora da eficiencia na iluminación pública e redución da contaminación lumínica, melloras na envolvente térmica dos edificios, modernización da iluminación interior, sistemas de climatización eficientes, instalación de caldeiras de biomasa e paneis solares térmicos, medidas de aforro de auga, instalación de ascensores eficientes e adquisición de equipamento de alta eficiencia enerxética.
Tamén serán subvencionables a adquisición de vehículos con distintivo ambiental cero emisións ou eco, así como vehículos destinados á protección do ambiente, á prevención e xestión de situacións de risco e á recollida e traslado de residuos. Poderanse financiar igualmente centros de interpretación ambiental, aulas da natureza, paseos, áreas recreativas e rutas de sendeirismo situadas en zonas con valores ambientais, actuacións de integración paisaxística en núcleos rurais, proxectos de saneamento e abastecemento de augas, recuperación de espazos degradados, medidas para reducir os riscos derivados da exposición ao gas radon en edificios municipais e adquisición de equipamento para o control ambiental, como sonómetros e sistemas de toma de mostras, entre outras.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.



