A delegada da Xunta explicou que o Concello de Cee recibiu, o ano pasado, 30.000 euros para a recuperación e mellora do mirador de Gures
A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou en Cee a actuación levada a cabo no mirador de Gures ao abeiro da orde de Turismo de Galicia para as actuacións de mellora de Infraestruturas Turísticas para concellos de ata 10.000 habitantes. Neste senso, a representante do Goberno autonómico destacou que este municipio recibiu 30.000 euros para executar esta intervención.
Belén do Campo explicou que se levou a cabo a cabo unha actuación integral de recuperación e mellora do miradoiro de Gures, un enclave privilexiado desde o que se poden contemplar as localidades de O Pindo, a ría de Corcubión e Cee, a enseada de Ézaro, Fisterra e gozar de espectaculares postas de sol.
As obras previstas incluiron o encintado completo do muro nos laterais e na súa parte superior, así como na xunta entre o pavimento interior e o muro, reparouse un total de 60,02 m² selando as gretas existentes. Dentro da actuación tamén se contemplou a adecuación do espazo destinado ao estacionamento de vehículos, co fin de reducir o impacto negativo e mellorar a seguridade dos visitantes, levouse a cabo a construción dun murete de pedra, similar ao existente que actúa como peche de seguridade sen alterar a visión paisaxística da contorna.
O proxecto incluíu así mesmo actuacións de mellora da accesibilidade, eliminando barreiras arquitectónicas no acceso ao miradoiro. A zona de bancos e mesas non era accesible para persoas con mobilidade reducida debido ao mal estado do pavimento, a existencia de chanzos e a presenza de pedras soltas. Para resolver estas deficiencias, executouse unha nova zona de pavimento e construíuse unha rampla de 3 metros de lonxitude e 1,63 metros de ancho. O resto do miradoiro se encintou reutilizando a pedra existente.
Por último, levouse a cabo a sinalización do recurso turístico, xa que o miradoiro carecía de calquera tipo de indicación. Instalarónse dous sinais de madeira integradas na contorna: unha na estrada AC-550 e outra no vial secundario ou cruzamento previo ao acceso ao miradoiro. Ademais, colocouse unha mesa interpretativa no propio miradoiro, que permite aos visitantes identificar as localidades visibles e comprender mellor a localización e o valor paisaxístico da contorna. Con esta actuación, a Xunta reforza o seu compromiso coa posta en valor dos recursos turísticos, a mellora da seguridade, a accesibilidade universal e a conservación da paisaxe.
Con esta liña de axudas Turismo de Galicia beneficiou, o ano pasado, a 67 concellos galegos de menos de 10.000 habitantes, e na provincia da Coruña foron 16 axudas as achegas concedidas por un importe de case 470.000 euros. Concretamente, na comarca de Bergantiños-Costa da Morte recibiron estes apoios 4 municipios o de Corcubión (humanización de espazos interiores e adxacentes do casco histórico) o de Muxía (recuperación da Fonte da Igrexa), o de Dumbría (recuperación e embelecemento do acceso á praia do Ézaro), que xunto con Cee, ascenden a máis de 110.000 euros para as catro actuacións.
Convocatoria 2026
Durante a visita, lembrou que o Goberno galego vén de publicar, o pasado 17 de marzo, unha nova convocatoria desta liña de axudas, dotada con 2 millóns de euros, en concorrencia non competitiva.
Segundo explicou a delegada da Xunta “a orde busca impulsar e consolidar a oferta turística no rural a través da recuperación, a mellora da accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos”, contribuíndo a poñer en valor a riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística destes territorios. “Os proxectos subvencionarse ata o 100% do orzamento, cun máximo de 30.000 euros por actuación”, subliñou.
Estas axudas permitirán financiar actuacións moi diversas orientadas á mellora e posta en valor dos recursos turísticos locais. “Entre elas, inclúense o embelecemento dos accesos aos recursos turísticos, a recuperación e tratamento paisaxístico das contornas, a iluminación ornamental, a adecuación de aparcadoiros ou a creación de miradoiros paisaxísticos e rutas de sendeirismo”, explicou Belén do Campo.
En definitiva, segundo destacou a delegada “con esta liña de apoio, a Xunta busca seguir fortalecendo o turismo no rural galego, contribuíndo á dinamización económica do territorio e á posta en valor dos seus recursos naturais, culturais e patrimoniais”.



