HomeXunta de GaliciaBelén do Campo destaca o excelente traballo do Centro de Educación Especial...

Belén do Campo destaca o excelente traballo do Centro de Educación Especial Lenda Educativa ao servizo da atención á diversidade e inclusión

- Anuncio -spot_img

Este centro articula a súa proposta formativa arredor de tres liñas principais: a formación adaptada en cultivos agrícolas e horticultura, a formación adaptada en gandaría e a formación adaptada para o coidado e atención a persoas en situación de dependencia

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo,  alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o alcalde de Coristanco, Juan Carlos García e o director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Indalecio Cabana, visitou hoxe as instalacións do centro de educación especial Lenda Educativa, situado no concello de Carballo. Este servizo educativo, leva dous anos funcionando con dúas unidades concertadas cubertas, xa que está incluído no convenio de colaboración coa Xunta de Galicia, formando parte do rexistro oficial de centros da comunidade autónoma e conta con 11 alumnos, 9 a tempo completo e 2 de forma combinada da comarcas comarcas de Bergantiños e Costa da Morte.

Durante a visita, a delegada destacou o valor deste proxecto educativo que aposta por unha pedagoxía activa e empírica, centrada nas capacidades e necesidades das persoas con diversidade funcional, ofrecendo un espazo integral de educación, desenvolvemento, formación, atención, coidado, lecer e deporte.

O centro articula a súa proposta formativa arredor de tres liñas principais: a formación adaptada en cultivos agrícolas e horticultura, a formación adaptada en gandaría e a formación adaptada para o coidado e atención a persoas en situación de dependencia.

Entre os servizos e actividades educativas que levan a cabo está a fisioterapia neurolóxica, terapia ocupacional, natación adaptada, surf adaptado, actividades na aula da natureza, horta escolar, integración sensorial e estimulación multisensorial, comedor e transporte adaptado.

A delegada da Xunta salientou que “os servizos como os de Lenda representan unha aposta innovadora, humana e transformadora dentro do sistema educativo galego, promovendo a inclusión real e o desenvolvemento persoal e profesional das persoas con diversidade funcional”.

Desde a Xunta de Galicia, reiterouse o compromiso de seguir traballando en colaboración con entidades especializadas para asegurar unha educación e atención de calidade, adaptada á diversidade da sociedade galega.

Publicacións Relacionadas