Belén do Campo destaca o investimento de máis de 1M€ na Comarca do Barbanza para impulsar 13 cursos AFD dirixidos a mellorar a empregabilidade dos desempregados

Redacción
Lectura mínima de 5

A nova convocatoria 2026-2027 destas formacións conta con 60 millóns de euros, ten o prazo aberto ata o 30 de novembro, e aposta por unha formación máis flexible, dual e conectada co mercado laboral

A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto á alcaldesa de Ribeira, María José Sampedro, visitaron, esta mañá a academia Yara para coñecer de primeira man un dos dous cursos de accións formativas para desempregados (AFD).

Concretamente, esta entidade contou cun apoio de case 123.000 euros, na convocatoria 25-26, para impartir, o curso Coidados Estéticos de Mans e Pés, que rematou a principios deste mes, e o de Salón de Peiteado que comezou o pasado 6 de novembro e rematará o 16 de xullo que conta con 15 alumnas. Ademais, a delegada adiantou que na convocatoria 26-27 xa ten concedidos outros 3 cursos por un importe de máis de 164.000 euros de Coidado de Mans e Pés, Salón de Peitado e de Servizos Auxiliares de Estética.

Nova convocatoria 26-27
Na visita a delegada informou que a Xunta de Galicia ten aberta convocatoria 2026-2027 das Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD), cun orzamento de 60 millóns de euros —ampliado recentemente en 20 millóns para esta anualidade 2026 co obxectivo de reforzar a empregabilidade e dar resposta ás demandas reais de talento do tecido empresarial galego. A medida enmárcase no redeseño integral da formación para o emprego que está a impulsar o Goberno galego, baseado na flexibilización, a axilidade administrativa e unha maior conexión co mercado laboral.

Os cursos están dirixidos preferentemente a persoas desempregadas, aínda que poderán participar persoas ocupadas ata un máximo do 30 % das prazas, sempre que non se cubran con persoas sen traballo.

O prazo de presentación de solicitudes esta aberto desde o 20 de xaneiro ata o 30 de novembro de 2026. O financiamento distribuirase en dúas anualidades: 50 millóns de euros en 2026 e 10 millóns en 2027, para accións formativas que poderán iniciarse este ano e prolongarse no seguinte. As entidades e centros de formación acreditados para impartir graos A, B e C do Sistema de Formación Profesional e poderán optar ás axudas, que se concederán en réxime de concorrencia non competitiva e contemplan anticipos de ata o 60 %.

A convocatoria garantiza unha oferta formativa dispoñible durante practicamente todo o ano. Entre as novidades, flexibilízanse os requisitos de acceso: as persoas que finalicen unha acción formativa poderán matricularse nunha de nivel superior sen ter que agardar pola expedición do certificado profesional anterior, unha opción que tamén se estende a quen estea pendente da homologación dun título estranxeiro.

As accións formativas abranguen os graos A, B e C do Sistema de Formación Profesional, permitindo unha capacitación modular e adaptada ás necesidades de cada perfil. Así, inclúense microformacións de grao A, formacións de grao B, e programas de grao C. Esta estrutura facilita itinerarios máis flexibles e unha incorporación máis áxil ao mercado laboral.

Co fin de garantir a conexión directa coa realidade produtiva, cada acción deberá acreditar unha demanda efectiva mínima do 30 % do alumnado, comprometida previamente polas entidades formativas. Ademais, os programas de grao C manterán o carácter dual obrigatorio, de xeito que polo menos o 25 % das horas se desenvolvan en contornas reais de traballo. As oficinas de emprego continuarán desempeñando un papel clave na detección de necesidades por sectores e territorios.

Cursos aprobados 26-27
Belén do Campo destacou o esforzo que realiza a Xunta neste tipo de formacións xa que na convocatoria 26-27 xa se aprobaron na provincia da Coruña 196 cursos en 31 municipios sendo os promotores ao redor de 70 entidades e 5 concellos por un importe de máis 10,6 millóns de euros e, concretamente na comarca do Barbanza, coa recente ampliación, 13 cursos por un importe de máis de 1 millón de euros en 4 entidades e no Concello de Boiro. Concretamente, 5 cursos en Ribeira, 5 en Boiro e 3 en Rianxo.

A representante do Goberno autonómico subliñou que o obxectivo destas formacións é mellorar as competencias profesionais das persoas beneficiarias, favorecendo de certificados profesionais con impacto directo na súa inserción laboral.

Comparte este artigo