A delegada da Xunta avaliou co alcalde esas aportacións que servirán tanto para a mellora de camiños de acceso a parcelas agrícolas como para a rehabilitación de viarios en zonas de concentración parcelaria
Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte recibiron, este ano, axudas do Plan Marco 15 concellos por un importe de máis de 1M€ e catro concellos apoios para rehabilitar camiños en zonas de parcelaria por un importe de máis de 457.000 euros
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a directora territorial da Consellería de Medio Rural, Nieves Mancebo, visitaron hoxe o concello de Zas e salientou alí o investimento de máis de 300.000 euros para varias intervencións ao amparo do Plan Marco de Mellora de camiños rurais de acceso a parcelas agrícolas e tamén do Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración e reestruturación parcelaria, unha nova orde de axudas publicada o ano pasado.
No primeiro caso, do Plan Marco, dotado con case 19,5 millóns de euros para 2024 e 2025, o que supón o orzamento máis alto dende 2017. En concreto, no marco desta convocatoria, se contemplan actuacións de mellora da capa de rodadura en Pudenza, Brandomil e Gomarís en Zas por un importe de 78.063 euros . Un investimento que se une ao realizado o ano pasado de máis de case 78.000 euros que permitiu o aglomerado en Pedrapadreiro e Maran. Son subvencionables camiños de acceso a parcelas agrícolas. A delegada da Xunta informou que na comarca da Bergantiños-Costa da Morte recibiron estas axudas 15 concellos por un importe total de máis de 1 millón de euros.
Estas axudas promoven a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas co fin último de aumentar a competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias, o que redunda nunha maior axilidade das operacións agrarias e nunha redución de custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado.
Durante o período 2016-2024 contou cunha dotación orzamentaria de máis de 130 millóns de euros, permitindo a mellora de máis de 5.450 camiños e máis de 4.280 quilómetros de vías rurais e a provincia da Coruña foi a que máis importe económico recibiu desta iniciativa na etapa mencionada, superando os 40 millóns de euros, e polo tanto, na que máis actuacións se produciron.
A delegada engadiu que a través de iniciativas coma esta, “a Xunta mantén o compromiso coa promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego”. O Plan Marco ten unha traxectoria que se remonta a 2013 e este ano, por primeira vez, compleméntase co Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria finalizadas, dotado con 6 millóns de euros.
En cada convocatoria do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas repártense entre os 313 concellos os fondos dispoñibles e corresponde a cada un deles a elección dos camiños sobre os que se considera preciso actuar, así como o proxecto de obra de ampliación, mellora ou mantemento. Ademais, estes están obrigados a contratar un servizo externo de control de calidade das obras executadas.
Camiños parcelarias
Con respecto aos camiños das parcelarias Zas recibiu máis de 145.000 euros para a mellora de 3 camiños municipais cunha lonxitude de 2,1 quilómetros na parcelaria de Brandoñas, Marán e Andragalla. As obras inclúen limpeza de cunetas e asfaltado
A delegada lembrou que a Consellería do Medio Rural habilitou máis de cinco millóns de euros para rehabilitar camiños de zonas de concentración parcelaria co obxectivo de facilitar a accesibilidade e a vertebración do territorio e, por tanto, a produtividade agraria e forestal.
Esta liña de axudas era a primeira vez que se poñía en marcha e estaba destinada a concellos que terminasen estes procesos. Estes fondos permitiron beneficiar a 38 municipios que cumprían o requisito de ter dentro dos seus límites zonas de reestruturación parcelaria terminadas, conter un mínimo de 10 quilómetros de camiños nelas e unha porcentaxe de uso da terra superior ao 39 %.
Dentro dos proxectos que se podían financiar con estas subvencións estaban actuacións como a limpeza e roza da plataforma ou das cunetas, a reparación de fochancas e outras obras complementarias, como a sinalización ou saneamento. Tamén, o mantemento e acondicionamento das infraestruturas rurais para que cumpran as súas funcións, pois o aumento da dimensión e tamaño da maquinaria agrícola fan necesario mellorar estes viarios. A contía asignada por municipio partía de 125.000 euros, podendo alcanzar un máximo de 200.000 en función da lonxitude das pistas e da superficie de concentración parcelaria. As obras incluídas neste plan deberían ter unha garantía de mantemento.
Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte, ademais de Zas (145.000€) recibiron estas axudas os concellos de Cabana de Bergantiños (128.024€), Muxía (82.688€) e Vimianzo(101.530€) o que supón un investimento total nesta área de 457.296 euros.