HomeA CoruñaBelén do Campo destaca que a Xunta apoia con máis de 100.000...

Belén do Campo destaca que a Xunta apoia con máis de 100.000 euros a mellora da accesibilidade da Casa do Concello cun ascensor e a prestación de servizos de protección ambiental en Camariñas

- Anuncio -spot_img

-A delegada da Xunta subliñou que o novo ascensor, cun apoio de 40.000 euros, permitiu eliminar barreiras arquitectónicas e garantir o acceso en igualdade de condicións a todos os servizos municipais

-Este concello contou tamén con outra achega de 60.000 euros para a protección do medio ambiente no municipio a través do Fondo de Compensación Ambiental

– A Xunta ademais asinou un convenio por un importe de case 263.000 euros para facer fronte aos gastos extraordinarios e aos danos causados polos incendios forestais deste verán

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou o Concello de Camariñas supervisar as actuacións levadas a cabo con dúas axudas de máis de 100.000 euros da Consellería de Presidencia , Xustiza e Deportes. Concretamente, comprobou as melloras de accesibilidade executadas na Casa do Concello de Camariñas cun apoio de 40.000 euros da orde de Infraestruturas de Uso Público e os investimentos realizados con outra achega de 60.000 euros para a protección do medio ambiente no municipio cunha achega do Fondo de Compensación Ambiente.

Ascensor
A representante do Goberno autonómico subliñou que o novo ascensor permitiu eliminar barreiras arquitectónicas e garantir o acceso en igualdade de condicións a todos os servizos municipais. Durante a visita, destacou que “a accesibilidade universal é un dereito fundamental e unha prioridade para a Xunta, especialmente nos edificios públicos, que deben estar ao servizo de toda a cidadanía, con independencia da súa idade ou condición física”.

A Casa do Concello de Camariñas desenvolve a súa actividade en tres plantas. Ata o de agora, o acceso ás plantas superiores realizábase unicamente mediante escaleiras, o que xeraba dificultades para persoas maiores e con mobilidade reducida, dando lugar a numerosas queixas por parte dos usuarios. A actuación consistiu na instalación dun ascensor que comunica as tres plantas do edificio e facilita o acceso desde a vía pública, eliminando a barreira arquitectónica existente A delegada territorial subliñou que esta actuación “supón un avance fundamental para mellorar a atención á veciñanza e para facer da Casa do Concello de Camariñas un edificio máis inclusivo, moderno e adaptado ás necesidades reais da poboación”.

Medio Ambiente
En relación cos case 60.000 euros recibidos para o servizo de protección ambiental e equipamentos do Fondo de Compensación Ambiental, recalcou que se levaron a cabo a limpeza de cunetas, camiños e sendeiros, ademais adquiriron un novo furgón para o servizo de abastecemento de auga e compraron 40 novos contedores de residuos para a veciñanza.


Convenio incendios
A delegada da Xunta lembrou na visita que este Concello tamén recibiu outra importante partida da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, concretamente, case 263.000 euros para facer fronte aos gastos extraordinarios e aos danos causados polos incendios forestais deste verán a través dun convenio asinado entre o Concello e a Xunta.

Esta achega bianual 2025-2026 contempla reparación de varios viarios que cruzan os montes queimados e que foron utilizados polos vehículos de extinción nunha extensión de 2 quilómetros e limpeza e roza de 4000 metros; o custo do combustible consumido polos vehículos de emerxencia e as reparacións do tractor, da cisterna, da bomba, de auga, do camión de bombeiros e do coche de Policía e do equipo do remolque contra incendios. Tamén recolle a renovación de mangueiras e hidrantes e da roupa de traballo dos equipos municipais que participaron na extinción dos incendios.

Outros apoios
Ademais, Belén do Campo referiuse tamén a outras achegas concedidas ao Concello de Camariñas por parte de diferentes consellerías do Goberno galego, que amosan o compromiso da Xunta de Galicia con este municipio e cos seus veciños.

Segundo informou a delegada, estas achegas abarcan ámbitos moi diversos, desde a o medio ambiente, as infraestruturas rurais, a prevención de incendios forestais e o emprego.

Entre elas atópase a achega dun convenio coa Consellería do Medio Rural para o desenvolvemento de accións de prevención fronte aos incendios forestais de máis de 88.000 euros. A delegada da Xunta destacou tamén o apoio ao arranxo de viarios no rural a través do Plan Camiña Rural con máis de 53.000 euros

En relación coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático contaron con axudas para a creación de refuxos climáticos, con máis de 15.000 euros, para a posta en marcha de proxectos de separación e reciclaxe de residuos en orixe e de mellora da recollida separada con máis de 40.000 euros e máis de 14.000 euros para a realización de auditorías na súa rede de saneamento.

No ámbito do emprego e do desenvolvemento local, Belén do Campo puxo en valor os fondos destinados ao programa Aprol Rural, que contou cunha achega da case 59.000 euros, orientado a fomentar o emprego no ámbito local, así como as axudas para a contratación de persoal técnico especializado en orientación laboral con case 32.000 euros.

A representante do Goberno galego subliñou que este conxunto de actuacións reflicten a aposta da Xunta de Galicia por traballar da man dos concellos, facilitándolles recursos para que poidan prestar mellores servizos públicos e contribuír á calidade de vida dos seus veciños e veciñas.

Publicacións Relacionadas