— Este municipio recibiu tres axudas para mellorar as marxes no acceso ao miradoiro do Ézaro para renovar a pasarela no entorno da praia do Ézaro e para realizar un mapa en 3D do Concello
— A Xunta impulsa na comarca de Bergantiños-Costa da Morte 11 proxectos de embelecemento turístico en 8 concellos do litoral cun importe total de máis de 640.0000 euros
— Entre as iniciativas beneficiarias inclúense melloras paisaxísticas de paseos marítimos, recuperación de sendeiros entre puntos turísticos ou sinalización e APPs
A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou, está mañá. o concello de Dumbría para visitar as obras de mellora das marxes no acceso ao miradoiro do Ézaro, unha actuación que contou cun apoio da Xunta de 80.000 euros e da renovación da pasarela no entorno da praia do Ézaro que contou con outra achega de 50.000 euros. A representante do Goberno autonómico tamén destacou que Dumbría recibiu desta orde outros 15.000 euros para realizar un mapa e contido dixital para unha experiencia turística 3d de 360º de Dumbría. Neste senso, destacou que o Goberno galego inviste, este ano, neste municipio 145.000 euros para seguir potenciando os seus atractivos turísticos.
Durante a visita tamén comprobou as obras realizadas, o ano pasado, do itinerario peonil e de integración paisaxística no mirador do Ézaro que tamén contou co apoio da Xunta e tivo un coste total de case 89.000 euros dos que 80.000 foron aportados polo Goberno autonómico. A obra consistiu en darlle continuidade ao itinerario peonil cunha nova intervención, cunha lonxitude aproximada de 320 metros, dende o treito pavimentado, resolvéndose coa mesma solución construtiva.
Nesta liña, puxo en valor este tipo de axudas que este municipio recibe todos os anos porque permiten poñer en valor os recursos turísticos do concello e contribuír, así a reforzar o seu atractivo para que sexan máis os que queiran visitalo
Este apoio encádrase na liña de axudas destinada a concellos galegos para levar a cabo accións de embelecemento do litoral e potenciar así o seu uso turístico, cun investimento global de máis de 2,7M€. A delegada informou que na comarca de Bergantiños-Costa da Morte foron beneficiarios, este ano, un total de 11 proxectos en 8 concellos do litoral desta área que comprenden iniciativas como melloras paisaxísticas en paseos marítimos, creación de contidos e recursos turísticos dixitais, recuperación de sendeiros entre puntos turísticos ou sinalización, entre outras. Este proxectos recibirán unhas axudas por importe de máis de 640.000 euros
Na provincia da Coruña recibiron estas axudas 25 concellos onde se levarán a cabo preto de 40 proxectos de embelecemento.
Esta liña de axudas é unha das actuacións incluídas no Plan Territorial de Sostibilidade Turística do Litoral posto en marcha polo Goberno galego con fondos Next Generation. Os destinatarios eran os concellos situados no litoral galego. Concedéronse en réxime de concorrencia non competitiva e, entre outras, subvencionáronse accións que afondasen na transición verde e ecolóxica para a rehabilitación do patrimonio en espazos singulares do litoral, tamén accións de transición dixital e accesible e inclusiva.
O Plan Territorial de Sostibilidade Turística do Litoral que ten un plan de execución ata este ano 2024 conta cun investimento global de 29,3M€ e enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para aproveitar o financiamento europeo no camiño á transformación dixital e o incremento da competitividade dos destinos. Inclúe a posta en marcha de medidas transversais destinadas ao litoral galego como dúas convocatorias anteriores para concellos e establecementos para rehabilitación de recursos emblemáticos do litoral galego, xa resoltas, así como a construción da senda do litoral de Galicia. Por outra banda, no marco deste Plan Territorial do Litoral as entidades locais están executando distintos Plans de Sostibilidade Turística en Destino.
ACTUACIÓNS ANO 2024 EMBELECEMENTO LITORAL COMARCA BERGANTIÑOS-COSTA DA MORTE