HomeA CoruñaBelén do Campo e a alcaldesa de Cee avalían as necesidades do...

Belén do Campo e a alcaldesa de Cee avalían as necesidades do concello nun encontro de traballo

- Anuncio -spot_img

A delegada da Xunta destacou a importancia da colaboración institucional entre ambas administracións para dar resposta ás demandas dos veciños de Cee e avanzar na mellora das infraestruturas e servizos públicos do municipio

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo unha xuntanza de traballo coa alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, no marco da rolda de encontros que está a desenvolver cos rexedores da provincia co obxectivo de avaliar as necesidades prioritarias dos distintos municipios.

Durante a reunión, un dos asuntos centrais foi o relativo ás actuacións nas estradas autonómicas ao seu paso polo concello. A representante do Goberno galego trasladou que a Xunta está a realizar “un enorme esforzo” ao longo de todo o ano na conservación dos 5.500 quilómetros da rede autonómica, un labor constante que se intensifica especialmente en situacións de meteoroloxía adversa como as rexistradas nas últimas semanas.

Neste senso, lembrou que o Consello da Xunta deu conta dun informe detallado sobre as actuacións desenvolvidas entre o 1 de xaneiro e o 15 de febreiro, período no que se rexistraron reiterados episodios de climatoloxía adversa. Segundo recolle o documento, producíronse 1.150 incidencias nas estradas autonómicas galegas, das que “a práctica totalidade xa foron resoltas”. Na área da Coruña sur rexistráronse 155 incidencias e 13 operacións de vialidade invernal, mentres que na da Coruña norte foron 116 anomalías e 11 actuacións relacionadas con episodios de xeo e neve.

Belén do Campo puxo en valor que Galicia conta cun contrato de conservación renovado ata 2029 cun orzamento histórico de 176 millóns de euros, un 31% máis que o anterior. Só en conservación ordinaria, o Goberno galego inviste de media 32.105 euros por cada quilómetro de estrada. Ademais, este ano destínanse 71,5 millóns de euros á conservación, a maior dotación ata a data neste ámbito.

En relación coas Infraestruturas viarias a delegada recalcou que a Xunta prioriza os investimentos marcando prioridades en función de criterios como a siniestralidade, a seguridade ou o deterioro das mesmas tendo en conta que nestes momentos foi necesario reconsiderar as actuacións tras as duras inclemencias metereolóxicas rexistradas nos últimos meses.

No que respecta especificamente a Cee, a delegada informou en relación coa avenida Fernando Blanco que a AXI está a traballar nun proxecto de mellora da seguridade viaria nesta estrada AC-550, dentro das iniciativas de análise de viabilidade e mellora en treitos con alta potencialidade de risco.

Tamén abordaron a situación da VG-1.4, en relación cos taludes na proximidade do polígono industrial, Belén do Campo informoullle que a Axencia Galega de Infraestruturas realiza dentro dos labores de conservación ordinaria das estradas autonómicas leva a cabo actuacións de limpeza e mellora dos taludes e nesta liña Belén do Campo comprometuse a ter en conta as necesidades trasladadas pola rexedora.

Outra das necesidades recollidas pola representante do Goberno autonómico foi a proposta de mellorar a sinalización nalgún paso de peóns para optimizar a súa funcionalidade.

Finalmente, a delegada da Xunta destacou a importancia da colaboración institucional entre a Xunta e o Concello para dar resposta ás demandas dos veciños de Cee e avanzar na mellora das infraestruturas e servizos públicos do municipio.

Publicacións Relacionadas