-A representante do Goberno autonómico subliñou que o obxectivo destas formación é mellorar as competencias profesionais das persoas beneficiarias, favorecendo a obtención total ou parcial de certificados profesionais con impacto directo na súa inserción laboral
– Na visita a delegada informou que a Xunta de Galicia vén de abrir a convocatoria 2026-2027 das Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD), cun orzamento inicial de 40 millóns de euros
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, visitou, esta mañá a entidade, sen ánimo de lucro, de Amicos para clausurar o curso de accións formativas para desempregados (AFD) que contou cunha achega de máis de 52.000 euros, centrada en atención sociosanitaria a persoas dependentes en Institucións sociais. A delegada felicitou a Amicos pola súa implicación e compromiso coa mellora da empregabilidade dos veciños da súa contorna ademais de conseguir xente formada para atender as necesidades dos usuarios dos seus centros. Neste senso, animou a todo o seu equipo a seguir traballando e apostando por unha formación de calidade e destacou o éxito que teñen estes cursos xa que conseguen unha taxa de empregabilidade moi alta.
Este curso incluíu os módulos dirixidos a persoas dependentes en institución sociais de: apoio na organización de intervencións no ámbito institucional (recepción e acollida, organización de actividades); intervención na atención hixiénico-alimentaria; intervención na atención sociosanitaria, apoio psicosocial, atención relacional e comunicativa (animación sociais, mantemento e mellora das actividades diarias, técnicas de comunicación); inserción laboral, sensibilización medioambiental e na igualdade de xénero; formación para a igualdade e básico de prevención de riscos laborais.
A representante do Goberno autonómico felicitou ás alumnas que comenzaron a súa formación o pasado 15 de outubro e remataron hoxe cunha duración total de 415 horas.
Belén do Campo destacou o esforzo que realiza a Xunta neste tipo de formación xa que neste curso 25-26 se están a impartir na provincia da Coruña 202 cursos por un importe de case 11,2 millóns de euros e concretamente no Barbanza recibiron apoios para realizar estes cursos 6 entidades, para impartir 12 cursos, por un importe de máis de 715.000 euros.
A representante do Goberno autonómico subliñou que o obxectivo destas formacións é mellorar as competencias profesionais das persoas beneficiarias, favorecendo a obtención total ou parcial de certificados profesionais con impacto directo na súa inserción laboral.
Nova convocatoria
Na visita a delegada informou que a Xunta de Galicia vén de abrir a convocatoria 2026-2027 das Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD), cun orzamento inicial de 40 millóns de euros —ampliable segundo as necesidades, preto de 9,5 millóns de euros están reservados a entidades sin ánimo de lucro, co obxectivo de reforzar a empregabilidade e dar resposta ás demandas reais de talento do tecido empresarial galego. A medida enmárcase no redeseño integral da formación para o emprego que está a impulsar o Goberno galego, baseado na flexibilización, a axilidade administrativa e unha maior conexión co mercado laboral.
Os cursos estarán dirixidos preferentemente a persoas desempregadas, aínda que poderán participar persoas ocupadas ata un máximo do 30 % das prazas, sempre que non se cubran con persoas sen traballo.
O prazo de presentación de solicitudes esta aberto desde o 20 de xaneiro ata o 30 de novembro de 2026. O financiamento distribuirase en dúas anualidades: 30 millóns de euros en 2026 e 10 millóns en 2027, para accións formativas que poderán iniciarse este ano e prolongarse no seguinte. As entidades e centros de formación acreditados para impartir graos A, B e C do Sistema de Formación Profesional poderán optar ás axudas, que se concederán en réxime de concorrencia non competitiva e contemplan anticipos de ata o 60 %.
A convocatoria garantiza unha oferta formativa dispoñible durante practicamente todo o ano. Entre as novidades, flexibilízanse os requisitos de acceso: as persoas que finalicen unha acción formativa poderán matricularse nunha de nivel superior sen ter que agardar pola expedición do certificado profesional anterior, unha opción que tamén se estende a quen estea pendente da homologación dun título estranxeiro.
As accións formativas abranguen os graos A, B e C do Sistema de Formación Profesional, permitindo unha capacitación modular e adaptada ás necesidades de cada perfil. Así, inclúense microformacións de grao A, formacións de grao B, e programas de grao C. Esta estrutura facilita itinerarios máis flexibles e unha incorporación máis áxil ao mercado laboral.
Co fin de garantir a conexión directa coa realidade produtiva, cada acción deberá acreditar unha demanda efectiva mínima do 30 % do alumnado, comprometida previamente polas entidades formativas. Ademais, os programas de grao C manterán o carácter dual obrigatorio, de xeito que polo menos o 25 % das horas se desenvolvan en contornas reais de traballo. As oficinas de emprego continuarán desempeñando un papel clave na detección de necesidades por sectores e territorios.



