A delegada da Xunta reafirmou o compromiso do Goberno galego de duplicar o parque público de vivenda e lembrou que ás 3.000 vivendas que xa están en marcha en diferentes fases de execución sumaranse 1.000 máis en 2026, ata acadar as 4.000 vivendas comprometidas nesta lexislatura
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, entregou hoxe as chaves dunha vivenda pública en alugueiro rehabilitada ao abeiro do Programa Rexurbe, situada na rúa da Cerca 49, no corazón do centro histórico de Betanzos.
Durante o acto, a representante autonómica destacou que esta vivenda se entrega en segunda adxudicación porque tan pronto como unha vivenda queda vacante, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) inicia de inmediato o procedemento para volver ofertala seguindo o listado de adxudicatarios de cada concello.
Para formar parte destes listados é preciso inscribirse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia. O prazo para presentar solicitudes está sempre aberto, tanto en liña como de forma presencial nas oficinas do IGVS.
Un entorno de alto valor patrimonial
A rúa da Cerca é unha das máis características do centro histórico betanceiro. Nos seus primeiros números sitúanse algunhas das vivendas máis antigas da cidade, como a coñecida Casa Gótica. A tipoloxía dominante é a de vivendas unifamiliares entre medianeiras, de planta baixa e dúas ou tres alturas, sobre parcelas estreitas e con fachada única á rúa.
Moitas das vivendas da contorna están catalogadas e contan con algún tipo de protección patrimonial, superando na súa maioría os 75 anos de antigüidade e conservando elementos singulares como corredores tradicionais.
Betanzos, referente do Programa Rexurbe
A delegada da Xunta lembrou que o concello de Betanzos foi pioneiro ao acoller a experiencia piloto do Programa Rexurbe no ano 2017. Actualmente, hai 17 inmobles rehabilitados ou en proceso de rehabilitación, cun investimento previsto de preto de 6 millóns de euros para 20 novas vivendas protexidas para a cidade e 3 locais comerciais para este magnífico casco urbano e hoxe entrégase unha desas vivendas que quedara vacante para un novo fogar.
Ademais, Betanzos conta cunha Área Rexurbe declarada polo Consello da Xunta en xaneiro de 2023. Esta figura, creada ao abeiro da Lei de rehabilitación aprobada en 2019, ten como obxectivo facilitar a revitalización de ámbitos que, polas súas especiais características, precisan dunha maior implicación das administracións públicas para mellorar as condicións de vida da veciñanza e recuperar o seu dinamismo.
Compromiso coa vivenda pública
No transcurso do acto, Belén do Campo reafirmou o compromiso do Goberno galego de duplicar o parque público de vivenda. Neste sentido, lembrou que ás 3.000 vivendas que xa están en marcha en diferentes fases de execución sumaranse 1.000 máis en 2026, ata acadar as 4.000 vivendas comprometidas nesta lexislatura para chegar en total ata as 8.000 vivendas.
Así mesmo, informou de que a Xunta destinará en 2026 un total de 350 millóns de euros a políticas de vivenda, dos que 163 millóns se investirán na promoción de novos fogares.



