A delegada da Xunta destacou a importancia da colaboración institucional co concello para avanzar en proxectos que redunden na mellora da calidade de vida da veciñanza de Noia
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo a primeira reunión institucional co alcalde de Noia, Francisco Pérez, tras o seu nomeamento, nun encontro no que abordaron as principais necesidades do municipio.
Durante a xuntanza, o rexedor trasladoulle diversas peticións relacionadas coa mellora de infraestruturas viarias, o acondicionamento de estradas e pasos de peóns e a mellora de firmes. Algunhas destas actuacións xa foran demandadas pola anterior corporación e executadas nos últimos anos pola Xunta. A delegada comprometeuse a revisar as novas solicitudes e a analizar as necesidades xurdidas, especialmente as derivadas das inclemencias meteorolóxicas.
No encontro tamén se trataron demandas nos ámbitos educativo, social e sanitario, algunhas delas xa comprometidas tamén co anterior Goberno municipal. Belén do Campo amosou a disposición do Goberno galego a colaborar co Concello para dar resposta ás prioridades do municipio.
A representante autonómica agradeceu, ademais, a vontade do Goberno local que continúe estando adherido ao convenio da Xunta para a prevención e defensa contra incendios mediante brigadas, motobombas e material mecanizado, ao tempo que recolleu novas demandas neste eido.
En relación con temas portuarios a delegada recolleu as súas propostas, xa tratadas co Presidente de Portos de Galicia. Ademais, en relación coa dragaxe do Porto de Testal comprometeuse a facer un seguimento para que Costas do Estado autorice o punto de vertido de áridos.
Finalmente, Belén do Campo tomou nota da oferta de cesión, ao Instituto Galego de Vivenda e Solo, dunha parcela para a construción de vivendas protexidas, ao abeiro do acordo aprobado por unanimidade no pleno municipal.
A delegada destacou a importancia da colaboración institucional co concello para avanzar en proxectos que redunden na mellora da calidade de vida da veciñanza de Noia.



