A delegada da Xunta destacou o papel fundamental que xogan os grandes eventos deportivos na promoción turística de Galicia que se reflicte nos bos datos xa que entre xaneiro e outubro, Galicia recibiu máis de 6,63 millóns de visitantes, que realizaron 12,35 millóns de noites, cifras que supoñen un incremento superior ao 2% en ambos indicadores respecto ao ano anterior.
A delegada da Xunta, Belén do Campo, presidiu hoxe a cerimonia oficial do II Campionato do Mundo por Equipos de Dardos Electrónicos Phoenix e do IX Campionato de España por Equipos, dúas citas deportivas de relevancia internacional que reúne na cidade, do 5 ao 8 de decembro, a 4.000 participantes de numerosos países e que contaron cun importante apoio económico do Goberno galego.
O evento, no que participan 28 países, iniciouse cun solemne desfile das bandeiras participantes, que achegou cor, emoción e simbolismo ao recinto, destacando o espírito deportivo e a convivencia entre nacións que definen estas competicións.
Posteriormente, procedeuse á entrega dos trofeos ás formacións gañadoras nas distintas categorías, correspondentes ás finais celebradas nos días anteriores, Campionato Individual, e o Campionato de parellas Cricket. Este sábado, o domingo e o luns celebraránse as competicións de o Campionato de parellas 501, o Campionato do mundo por equipos, o Campionato individual sub10, o Campionato do mundo por países, o Campionato Halfit e o Campionato de España por equipos.
A delegada da Xunta subliñou o alto nivel competitivo, a excelente organización e o impacto positivo que este tipo de eventos supón para a promoción deportiva e turística da cidade e da comunidade autónoma, segundo a previsión da organización a cidade recibirá 15.000 visitantes estes días con motivo desta competición.
Potencial eventos deportivos
Belén do Campo destacou o papel fundamental que xogan os grandes eventos deportivos na dinamización económica e turística de Galicia, poñendo o exemplo deste campionato que, nestes días, reúne na cidade a miles de participantes e ás súas familias, “converténdose nun foco directo de atracción de visitantes que enchen hoteis, restaurantes e establecementos comerciais”.
Segundo subliñou, “este tipo de competicións permiten estender a actividade turística ao longo de todo o ano, contribuíndo decisivamente á desestacionalización e á creación de novas oportunidades para o sector”.
Neste sentido, a representante autonómica salientou os bos datos turísticos de Galicia, que volven confirmar a tendencia de crecemento da comunidade. Entre xaneiro e outubro, Galicia recibiu máis de 6,63 millóns de visitantes, que realizaron 12,35 millóns de noites, cifras que supoñen un incremento superior ao 2% en ambos indicadores respecto ao ano anterior.
A delegada da Xunta subliñou nesta liña que “a calidade e excelencia dos servizos turísticos galegos como elementos fundamentais deste destino”, que fortalecen a súa capacidade de atracción de visitantes e contribúen ao desenvolvemento económico da nosa comunidade. Lembrou, ademáis, que o gasto medio do turista no segundo semestre de 2025 acadou os 114,69 euros, o que supón un incremento do 5,8% respecto a 2024.
A delegada concluíu incidindo en que o apoio da Xunta a citas deportivas de referencia internacional como o Campionato do Mundo de Dardos responde precisamente a esta estratexia de fortalecer o posicionamento de Galicia como destino de excelencia durante os doce meses do ano.



