HomeXunta de GaliciaBelén do Campo preside a Comisión Territorial de Coordinación na que se...

Belén do Campo preside a Comisión Territorial de Coordinación na que se realizou un seguimento das actuacións de goberno galego na provincia

- Anuncio -spot_img

No encontro realizouse un balance dos dous primeiros meses do ano e analizáronse os ámbitos nos que se produciron avances máis significativos na provincia, especialmente en materia de vivenda, desenvolvemento de solo empresarial e investimentos en educación

A delegada da Xunta na Coruña, presidiu a Comisión Territorial de Coordinación un órgano de traballo que reúne periódicamente a Secretaria Territorial, Maria Barreiro, aos directores territoriais das distintas consellerías co obxectivo de reforzar a coordinación institucional e facer seguimento das actuacións do Goberno galego na provincia.

Durante o encontro realizouse un balance dos dous primeiros meses do ano e analizáronse os ámbitos nos que se produciron avances máis significativos na provincia, especialmente en materia de vivenda, desenvolvemento de solo empresarial e investimentos en educación.

Na reunión tamén se analizou a nova Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas. Esta nova normativa, que entrou en vigor o 7 de marzo, abrangue todos os riscos de comportamento para os menores de idade, incluídos produtos emerxentes. Esta norma aborda tanto adiccións con substancias como sen substancia (xogo, tecnoloxías…) e combina a prevención e a promoción da saúde co control da oferta

Impulso á vivenda pública
No ámbito da vivenda, a Xunta continúa avanzando en diferentes actuacións destinadas a incrementar o parque público residencial.

Entre elas destaca que a Xunta de Galicia xa deu luz verde ambiental ao Proxecto de Interese Autonómico (PIA) De Monte Mero, na cidade da Coruña. A través desta actuación, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) prevé urbanizar solo para posibilitar a construción de arredor de 4.000 vivendas en réxime de protección pública, cuxa aprobación inicial está prevista proximamente.

Ademais, na cidade da Coruña, a Xunta conta actualmente con 476 vivendas de promoción pública en distintas fases de tramitación e execución. Delas, 368 sitúanse en parcelas propias en Xuxán, 101 en parcelas cedidas polo Concello e sete vivendas dentro do programa Rexurbe.

Tamén se informou da aprobación inicial do PIA de A Baiuca-A Penouqueira, en Arteixo, no que a Xunta investirá 2,5 millóns de euros na urbanización do solo para favorecer a construción de 160 vivendas. Esta actuación permitirá o desenvolvemento dun novo barrio no municipio, céntrico, ben comunicado e dotado de espazos verdes, zonas de ocio e servizos.

Ademais, a Administración autonómica vén de adxudicar a redacción do proxecto e dirección de obra para a construción de 17 vivendas de promoción pública en Culleredo e continúa traballando no Rexurbe de Betanzos,

Con estas actuacións, a Xunta continúa avanzando no compromiso de duplicar o parque público de vivenda antes de finais de 2028, co obxectivo de acadar as 8.000 vivendas públicas en Galicia.


Novos parques empresariais e ampliacións
A reunión tamén permitiu facer seguimento das actuacións destinadas a ampliar a oferta de solo industrial na provincia.

Neste sentido, a Xunta iniciou toda a tramitación necesaria para poder comezar o antes posible co parque empresarial de Coristanco, coa construción da primeira fase do polígono, que abarcará unha superficie de 60.983 metros cadrados. A previsión é poder licitar as obras no ano 2027, unha vez licitado tamén o contrato para a redacción do proxecto de urbanización.

Por outra banda, continúan avanzando os proxectos de urbanización e expropiación para a ampliación do parque empresarial de Bértoa, en Carballo, unha actuación cun investimento previsto de 28,2 millóns de euros que permitirá incrementar a superficie deste polígono nun 51 %. Se os prazos se cumpren, as obras poderán comezar en 2027, cun período de execución estimado de 18 meses. A Xunta de Galicia tamén deu, recentemente, luz verde ambiental con condicións ao Plan estruturante de ordenación de solo empresarial (Peose) do novo parque empresarial de Cabana de Bergantiños,

Ademais, a Xunta continúa traballando noutras actuacións como a ampliación do parque empresarial da Sionlla, en Santiago de Compostela, a creación do parque empresarial de Santa Comba e a fase C do parque empresarial de Morás, en Arteixo, cuxas obras xa están rematadas e están pendentes da súa recepción por parte do Concello.

Investimentos en educación
No ámbito educativo, analizouse o avance das actuacións incluídas no Plan de nova arquitectura pedagóxica, co que a Xunta está a modernizar e mellorar as infraestruturas educativas da provincia.

Na cidade da Coruña, a Xunta está a investir 24 millóns de euros nun centenar de obras de modernización e rehabilitación en arredor de 40 centros educativos.

En Santiago de Compostela, o investimento supera os 12 millóns de euros, mentres que na Costa da Morte se están destinando máis de 8 millóns de euros á renovación e mellora de edificios educativos.

Pola súa parte, na comarca do Barbanza estanse a executar actuacións por valor de 8,5 millóns de euros en diferentes centros educativos.

Seguimento das axudas en marcha
Durante a reunión tamén se realizou unha análise das liñas de axudas actualmente abertas pola Xunta de Galicia, e das pendentes de saír en breve co obxectivo de facer seguimento da súa execución, impulsar a súa difusión e facilitar que cidadáns, empresas, concellos e entidades da provincia poidan beneficiarse delas, concretamente das áreas de Emprego, de Medio Ambiente, de Turismo, de Economía-Indutria, de Medio Rural, de Deportes, de Igualdade, e de Mar, incluídas ás do Galp.

A Comisión Territorial de Coordinación continuará reuníndose periodicamente para garantir unha maior coordinación entre as distintas áreas da Administración autonómica e reforzar o impulso das actuacións prioritarias na provincia da Coruña.

Publicacións Relacionadas