— A delegada explicou que esta achega do Fondo de Compensación Ambiental non competitivo permitiulles realizar obras na Casa de Cultura de Olveiroa e no local social de Bustelo
— A representante do Goberno autonómico destacou que as dúas liñas do Fondo de Compensación Ambiental —a non competitiva, dirixida aos concellos afectados por parques eólicos, e a competitiva, aberta ao conxunto das entidades locais— permiten impulsar proxectos útiles e duradeiros para mellorar a calidade ambiental e o benestar veciñal
A delegada da Xunta, Belén do Campo, destacou hoxe o compromiso do Goberno galego coa preservación do medio ambiente e coa mellora da calidade de vida da cidadanía, durante unha visita ao Concello de Dumbría, onde se levou a cabo a mellora da eficiencia enerxética da Casa de Cultura de Olveiroa e do local social de Bustelo, grazas a unha achega da Xunta de case 150.000 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental non competitivo, co obxectivo de optimizar as súas condicións construtivas, incrementar a eficiencia enerxética e garantir a súa correcta conservación.
Actuacións na Casa da Cultura de Olveiroa
No caso da Casa da Cultura de Olveiroa, procedeuse ao levantamento das cubertas planas transitables existentes para executar novas cubertas planas transitables adaptadas ás condicións actuais, facendo especial fincapé na corrección das pontes térmicas e nos encontros construtivos que estaban a provocar filtracións.
Así mesmo, substituíuse a cuberta inclinada de pranchas de uralita por unha nova cuberta de aceiro con illamento incorporado, mellorando así o comportamento térmico e a durabilidade do inmoble. Tamén se levou a cabo a substitución da carpintería que presentaba deficiencias e a reposición dos elementos deteriorados.
Melloras no Centro Social de Bustelo
No Centro Social de Bustelo, que presentaba importantes deficiencias no revestimento exterior, executouse un sistema SATE (Sistema de Illamento Térmico polo Exterior) para mellorar o illamento da edificación e a súa eficiencia enerxética.
Ademais, realizouse unha zanxa drenante perimetral co fin de evitar a permeabilidade do terreo cara ao interior do edificio, resolvendo tamén os encontros construtivos que presentaban problemas e que estaban a favorecer a aparición de humidades.
Compromiso coa conservación e o reequilibrio territorial
A representante da Xunta lembrou que o Fondo de Compensación Ambiental 2025 distribúe en toda Galicia 9,2 millóns de euros nas súas modalidades competitiva e non competitiva, co propósito de redistribuír o canon eólico e reinvestilo na conservación, restauración ambiental e reequilibrio territorial.
Na provincia da Coruña as dúas liñas do Fondo de Compensación Ambiental contaron, a non competitiva con máis de 2,2 millóns de euros para 49 beneficiarios e a competitiva con case 700.000 euros para 26 beneficiarios. En total, resultaron beneficiarios na Coruña 60 concellos e o Consorcio das Mariñas e a Mancomunidade de Concellos de Ferrol.
Na comarca Bergantiños-Costa da Morte a contía destas axudas do fondo de compensación ambiental non competitivo ascendeu a máis de 545.000 euros e beneficiaron aos concellos de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cerceda, Coristanco, Dumbría, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas. Na liña competitiva foron beneficiarios 4 concellos Dumbría cun proxecto conxunto con Vimianzo, Malpica de Bergantiños e Cee por un importe total de case 96.000 euros.
“A través do FCA contribuímos á conservación da biodiversidade, á protección do medio natural e á recuperación sostible dos municipios galegos”, sinalou a delegada. Ademais, destacou que as dúas liñas de actuación —a non competitiva, dirixida aos concellos afectados por parques eólicos, e a competitiva, aberta ao conxunto das entidades locais— permiten “impulsar proxectos útiles e duradeiros para mellorar a calidade ambiental e o benestar veciñal”.
A Xunta reafirma así o seu compromiso cun desenvolvemento sostible, solidario e respectuoso coa contorna, apoiando aos concellos galegos na preservación do seu medio ambiente.
Cooperación institucional e investimento na comarca
Durante o acto, a representante do Goberno autonómico puxo en valor a cooperación entre administracións como “peza clave para avanzar na protección do patrimonio natural galego”.
“Os municipios son as administracións que mellor coñecen o territorio e as súas necesidades, e por iso desempeñan un papel fundamental na súa protección e xestión sostible”, destacou a delegada.



