A delegada da Xunta salientou que Galicia actuará este ano en máis de 33.880 hectáreas con rozas, faixas auxiliares, mellora de pistas e queimas prescritas, no marco do maior investimento da historia en prevención e defensa contra incendios
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Lousame, Esteban Ares, e pola directora territorial da Consellería de Medio, Rural Nieves Mancebo, supervisou hoxe os traballos executados no concello de Lousame no marco dunha actuación do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2026, e puxo en valor “o importante esforzo técnico, humano e económico que está a realizar a Xunta para anticiparse ao lume e mellorar a protección do territorio e da poboación”.
Concretamente supervisou os traballos de prevención de incendios forestais que se están a executar nos montes situados entre os concellos de Lousame e Rianxo, nunha extensión de 50 hectáreas, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) dentro do Plan Estratéxico da PAC de Galicia 2023-2027 (PEPAC).
No punto visitado hoxe en Lousame estanse a desenvolver concretamente traballos de mellora de devasas, consistentes na limpeza e acondicionamento destas franxas de seguridade para limitar a continuidade da biomasa vexetal e reducir así o risco de propagación dos incendios forestais.
Durante o percorrido, a representante do Goberno galego destacou a importancia destas actuacións para “seguir reforzando a protección do territorio fronte ao lume, mellorando a capacidade de prevención e facilitando ao mesmo tempo o labor dos servizos de extinción en caso de incendio”.
Este proxecto abrangue actuacións nos 10 concellos de Boiro, Lousame, Dodro, Noia, Rianxo, Rois, Outes, Porto do Son, Padrón e A Pobra do Caramiñal, onde se levarán a cabo labores de execución de áreas cortalumes, mellora de devasas e acondicionamento de faixas auxiliares de pistas forestais, co obxectivo de crear e manter infraestruturas estratéxicas que contribúan á defensa dos montes galegos.
As obras foron adxudicadas por un importe de máis de 257.000 euros, e contan cun prazo de execución ata outubro de 2026.
A delegada territorial puxo en valor o esforzo inversor da Xunta neste tipo de actuacións preventivas, incidindo en que “a anticipación e a planificación son ferramentas fundamentais na loita contra os incendios, polo que resulta imprescindible actuar durante todo o ano na conservación e mellora destas infraestruturas forestais”.
Así mesmo, lembrou que a Xunta mantén unha aposta continuada pola prevención como eixo prioritario da política forestal galega, complementando os dispositivos de vixilancia e extinción con investimentos destinados á ordenación, limpeza e protección do monte
Durante a visita, Belén do Campo explicou que, no conxunto da comunidade, está previsto actuar este ano nunha superficie de 33.880,41 hectáreas a través de distintas actuacións silvícolas e preventivas, entre as que se inclúen traballos en áreas cortalumes, creación e mantemento de faixas auxiliares, mellora de pistas forestais, queimas prescritas, así como accións desenvolvidas ao abeiro das subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios e das colaboracións coas entidades locais.
A delegada da Xunta subliñou que “falamos dunha planificación preventiva ampla e estruturada, que ten como finalidade reducir a carga de combustible vexetal, mellorar a accesibilidade ao monte e minimizar o risco de propagación do lume nas zonas máis sensibles”.
Limpeza Faixas Secundarias
Belén do Campo lembrou ademais que, de forma complementaria a estes traballos, a Consellería do Medio Rural continúa desenvolvendo o convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias asinado coa empresa pública Seaga, a través do que se presta apoio aos concellos e aos propietarios para facilitar o cumprimento das súas obrigas legais de limpeza e mantemento nas franxas próximas ás vivendas.
Neste sentido, destacou que este convenio conta este ano cun orzamento de 25 millóns de euros, o dobre que no exercicio anterior, o que permitirá “incrementar a capacidade de actuación, reforzar a colaboración cos municipios e avanzar nunha xestión máis eficaz e ordenada das contornas habitadas”.
Belén do Campo destacou que un total de 292 concellos galegos formalizaron xa a súa adhesión a este acordo, o que supón máis do 93 % dos municipios da comunidade e unha cifra superior á rexistrada no anterior convenio. No caso da provincia da Coruña son 90 de 93 os municipios adheridos. Neste sentido, lembrou que as entidades locais tiveron ata o pasado 31 de marzo para remitir á Xunta os seus plans de traballo coas actuacións solicitadas en cada territorio, co obxectivo de facilitar a planificación das intervencións previstas ao longo deste ano.
Ao abeiro desta colaboración, a Xunta impulsará tamén unha estratexia reforzada de aldeas preparadas fronte ao lume, mediante a organización de charlas informativas nas parroquias priorizadas e naquelas catalogadas como de alta actividade incendiaria. O obxectivo destas accións é informar á veciñanza sobre a importancia dunha correcta xestión das faixas secundarias por parte das persoas propietarias e ofrecer consellos prácticos de autoprotección en caso de incendio forestal.
A representante do Goberno autonómico sinalou que “a prevención require tamén implicación social e coñecemento, por iso é fundamental seguir achegando información útil á cidadanía para que saiba como actuar antes, durante e despois dunha situación de risco”.
Entre as principais novidades, salientou o reforzo das execucións subsidiarias en zonas de risco de incendio nas que os titulares das parcelas non cumpran coas súas obrigas legais, así como a ampliación do número de parroquias priorizadas, que pasan de 157 a 276 en toda Galicia. En concreto na provincia da Coruña hai 27 parroquias seleccionadas para recibir un tratamento preferentes dentro deste convenio de limpeza de faixas secundarias, a maior parte na comarca do Barbanza nos 7 concellos de A Pobra (1), Boiro (3), Carnota (1), Lousame (1), Porto do Son (5), Rianxo (2) e Ribeira (1). Nestas áreas, os particulares poden contratar directamente con Seaga a realización das rozas preventivas bonificadas cun custo de 420 euros por hectárea, ademais nestas zonas.
A maiores, a delegada da Xunta recordou que se mantén a posibilidade de que a empresa pública realice execucións subsidiarias en ata 10 hectáreas por concello e ano fóra das parroquias priorizadas, ademais da limpeza de 12 quilómetros de vías municipais. Tamén se continúa avanzando no subministro de especies vexetais que permitan crear franxas naturais de protección arredor dos núcleos urbanos, reducindo así a necesidade de sucesivas intervencións de limpeza.
Outro dos aspectos que puxo en valor Belén do Campo é o apoio técnico que Seaga seguirá ofrecendo aos concellos adheridos para a revisión ou modificación dos seus plans municipais de prevención, así como para a realización de inspeccións e notificacións ás persoas titulares das parcelas.

