HomeA CoruñaBelén do Campo visitou hoxe as actuacións levadas a cabo no Parque...

Belén do Campo visitou hoxe as actuacións levadas a cabo no Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán

- Anuncio -spot_img

A delegada da Xunta destacou a importancia da actuación levada a cabo para recuperar a área protexida e mellorar o hábitat característico das dunas costeiras fixas con vexetación herbácea, consideradas prioritarias a nivel comunitario

O traballo consistiu na retirada de troncos de árbores que non son autóctonas desta zona, especialmente piñeiros, así como na tala, o esgazamento e a retirada de madeira e na realización de tarefas específicas, como o arrincado manual e a limpeza de novos exemplares

Belén do Campo, acompañada pola Directora Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, e o Xefe de Servicio de Parques Naturais, Antonio Rodríguez, visitou hoxe o Complexo Dunar de Corrubedo e Parque Natural das Lagoas de Carregal e Vixán para ver in situ os resultados dos traballos realizados para frear o avance do piñeiral e outras especies co fin de protexer a integridade da duna, accións que se están a levar a cabo por primeira vez en Galicia.

A delegada explicou que as masas arbóreas estaban a ocupar espazos que, orixinariamente, formaban parte dos areais e do propio sistema dunar, alterando así o hábitat propio das dunas costeiras fixas con vexetación herbácea —considerado de interese comunitario prioritario— ao impedir a mobilidade da area.

O Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, toma unha grande importancia na preservación do medio ambiente, sendo esta unha das principais zonas dunares de Galicia. Este espazo natural presenta un importante área litoral que inclúe a maior duna móbil de Galicia, así como outros hábitats dunares e costeiros, e unha zona de lagoas e marismas (lagoa de Carregal e Vixán). Dado o seu interese para a conservación este enclave inclúese dentro da Zona «Área de Protección» tal e como se reflicte no Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia.

O complexo dunar de Corrubedo está clasificado como área de protección especial (ZEPA), área de especial conservación (ZEC), e Lugar de importancia comunitaria (LIC ES1110006). Todo o hábitat de protección presenta unha superficie total de 996,25 ha.

Nesta liña, e co fin de frear o avance do piñeiro, e así protexer a integridade das dunas, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático deseñou un plan de eliminación das masas e o rexenerado xove que estaba a ocupar espazos que orixinariamente formaban parte dos areais e sistemas dunares de Corrubedo.

Para acadar este obxectivo, a Delegada expuxo que os traballos consistiron na eliminación dos pés destas especies: apeo, derramado, tronzado, amoreado das toradas, e retirada da madeira ata cargadeiro. O proxecto incluíu os custos das operacións de apeo, extracción e amoreamento da totalidade da madeira a pé de cargadeiro para a súa venda directa pola comunidade de montes.

A superficie de actuación foi de 176,57 ha, nas que se traballou con diferentes intensidades:  área de actuación intensiva (cando se actuou sobre rodais densos de árbores e matogueira) e área de actuación puntual (relativo a aquelas intervencións sobre pés e plantóns dispersos de árbores e matogueira)

O período de execución dos traballos foi de VINTE (20) meses e comprendeu as datas do 1 de xaneiro de 2022 ao 31 de agosto de 2023.

Belén do Campo destacou que o proxecto supuxo un investimento de 0,5 millóns de euros e contou con financiamento europeo a través do NextGenerationEU para iniciativas que incidan na conservación de ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade.

Así mesmo,  tamén agradeceu o apoio e implicación da comunidade de montes da zona, xa que parte da superficie a intervir son terreos da Comunidade de Montes en Man Común de Olveira-Ribeira,  e precisábase da autorización dos comuneiros e a posta a disposición dos terreos da comunidade para a execución do proxecto.

Publicacións Relacionadas