-A delegada da Xunta explicou que a actuación permitiu crear espazos independentes e acondicionados para garantir o benestar dos animais e reforzar o control das poboacións asilvestradas no termo municipal
-Na comarca do Barbanza, contaron con estas axudas, 10 concellos, A Pobra, Ribeira, Boiro, Rianxo, Lousame, Mazaricos, Outes, Porto do Son, Muros e Carnota por un importe de 520.000 euros
A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou hoxe as obras de mellora realizadas no rexufio de animais municipal da Pobra, xestionado pola protectora de animais sen ánimo de lucro de A Moura. A actuación levouse a cabo ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental non competitivo destinado a apoiar os concellos na mellora do medio natural grazas á achega da Xunta de máis de 63.000 euros.
A delegada destacou que na provincia recibiron, este ano, estas axudas 49 concellos por un importe de máis de 2,2 millóns de euros e concretamente, na comarca do Barbanza, contaron con estas axudas, 10 concellos, A Pobra, Ribeira, Boiro, Rianxo, Lousame, Mazaricos, Outes, Porto do Son, Muros e Carnota por un importe de 520.000 euros.
A representante do Goberno autonómico subliñou que a ampliación tivo como obxectivo mellorar a recollida, atención e separación das especies felinas e caninas. A actuación permitiu crear espazos independentes e acondicionados para garantir o benestar dos animais e reforzar o control das poboacións asilvestradas no termo municipal.
Neste senso, informou que se creou un corpo diferenciado que permite separar as especies en módulos específicos. A proposta incluíu, 4 módulos de gatera, cada un con patio enreixado e con zonas exteriores altas e baixas, dotadas de proxección de sombra, 1 módulo de corentena, con patio de esclusa, 1 módulo para animais inmunodeprimidos, con patio propio illado, tamén con diferentes alturas e zonas sombreadas, 1 corredor pechado de conexión, que evite calquera posible fuga ao abrir as portas de acceso dos patios.
Cada módulo conta con divisións interiores mediante tabiquería lixeira forrada de vinilo lavable, portas e ventás de aluminio para ventilación e iluminación natural, e carpintarías tipo mosquitera que permiten ventilar sen risco de escapes.
A intervención incluíu a retirada da terra vexetal e adaptación da explanada, a construcción dun muro de contención de formigón armado de 1 metro de altura con sistema de impermeabilización e drenaxe, a execución dunha solera de formigón armado pulido sobre a que se instalaron os módulos, a instalación de pórticos de aceiro galvanizado para o peche dos patios e corredores e a creación dunha rede de sumidoiros e drenaxe de augas fecais, conectada á xa existente.
Cooperación
A delegada da Xunta subliñou a importancia da cooperación entre administracións para avanzar na preservación do patrimonio natural. Neste sentido, puxo en valor o traballo que realizan as entidades locais, “as que mellor coñecen o territorio e as súas necesidades e que desempeñan un papel fundamental na súa protección e xestión sostible”.
Do Campo lembrou que este tipo de investimentos se enmarcan nas distintas liñas de apoio impulsadas polo Goberno galego para reforzar a capacidade operativa dos servizos municipais e favorecer unha xestión máis eficiente e respectuosa co medio.
FCA 2025
Durante a súa intervención, a delegada destacou que o Fondo de Compensación Ambiental (FCA), nas súas modalidades competitiva e non competitiva, repartíu neste ano 2025, 9,2 millóns de euros en Galicia. Recordou ademais que esta orde foi creada para redistribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna e do reequilibrio territorial.
A través destas axudas —indicou— contribúese á conservación da biodiversidade e a protección do medio ambiente e do espazo natural.
Finalmente, destacou o papel do FCA na recuperación sostible dos municipios galegos mediante as súas dúas liñas: a non competitiva, dirixida aos concellos que acollen parques eólicos ou están afectados polas súas conexións ou vías de evacuación; e a competitiva, aberta ao conxunto dos municipios, mancomunidades e consorcios locais de Galicia que presenten proxectos elixibles.



