O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou esta mañá as instalacións que suman 30 novas prazas á Rede Pública de Albergues do Xacobeo
O Albergue de Peregrinos en Vilagarcía de Arousa, bota a andar este martes, 1 de xullo, converténdose no primeiro albergue público do Xacobeo na Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou esta mañá as instalacións que contan con 30 prazas distribuídas en cinco dormitorios e que se suman aos 78 existentes en toda a rede xacobea.
O inmoble foi cedido polo Concello de Vilagarcía de Arousa o pasado mes de marzo e foi necesario dotalo de material e dar de alta os distintos servizos para a súa posta en funcionamento. Durante a visita, Xosé Merelles anunciou que as instalacións que abren hoxe ao público levarán o nome de ‘Andrés Fernández García’ en homenaxe a un veciño de Carril que impulsou a apertura da primeira escola e o primeiro consultorio médico neste concello pontevedrés.
Turismo de Galicia cumpre deste xeito o compromiso adquirido na cesión do inmoble de abrir as instalacións durante este verán. Con este novo albergue, son xa 79 os que forman parte da Rede Pública de Albergues do Xacobeo que suman en total 3.353 prazas en toda Galicia.
A Administración autonómica xestionará este albergue por un período de 30 anos. O edificio actual inclúe a recepción de peregrinos para o que se construíu a cabina de albergueIro, unha zona de lavandería e un acceso restrinxido a un local de instalacións.
O albergue tamén ten unha cociña-comedor accesible e cinco dormitorios que se distribúen no primeiro andar e no baixocuberta. Ademais, dispón dun cuarto para persoas con mobilidade reducida.