A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Patricia García, asistiu este sábado á iniciativa De Pobra a Portosín, tapeando polo mar, organizada polas asociacións de empresarios e os hostaleiros desta zona, en colaboración coa Consellería do Mar. Precisamente, o responsable deste departamento autonómico participou o pasado día 16 no acto inaugural.
A acción, cuxa última celebración se celebrará os días 6 e 7 de xuño, ten por obxectivo poñer en valor os produtos do mar locais, dinamizar o comercio e a vida socioeconómica destas poboacións costeiras, e fomentar a colaboración entres os concellos nas que se sitúan. Busca tamén impulsar o consumo de peixe local e de tempada, ademais da actividade turística que leva aparellada a actividade marítimo-pesqueira. Deste xeito, os produtos protagonistas son o mexillón, o atún e a anchoa, que rotan entre as tres localidades, de modo que cada unha delas acolle actividades centradas nas tres especies en distintos fins de semana. A actuación inclúe showcookings en directo a cargo de cociñeiros e hostaleiros locais e foodtrucks con propostas culinarias innovadoras.