Outorgaranse dous premios de 1.000 euros aos mellores traballos en galego e castelán sobre as temáticas que se aborden no encontro, que ademais tamén se publicarán nos principais xornais da provincia de Pontevedra
Ás portas da celebración da nova edición do congreso ‘As Mulleres que Opinan son Perigosas’, os vindeiros venres e sábado 17 e 18 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra, a Deputación e o Concello de Pontevedra veñen de publicar as bases da primeira edición dos Premios #MulleresQueOpinan. Serán premiados con 1.000 euros os mellores artigos de opinión escritos en galego e en castelán sobre as temáticas que se aborden no encontro, e ademais serán publicados nos principais xornais da provincia de Pontevedra.
Con esta iniciativa, a Deputación e o Concello de Pontevedra promoven o exercicio da opinión xornalística por parte das mulleres profesionais do xornalismo, á vez que anima e promove a escrita entre as mulleres máis novas e fomenta o nacemento dunha nova canteira de mulleres opinadoras. As bases xa están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e o prazo para presentar as solicitudes abrirá o 20 de marzo e pechará o 10 de abril.
Poderanse presentar aos Premios #MulleresQueOpinan artigos de opinión sobre a propia experiencia como espectadoras ou asistentes (de maneira virtual ou presencial) arredor de calquera dos temas que se traten no congreso 2023: poden ser os das conferencias ou tamén os que se traten nas roldas de preguntas. O único requisito, ademais da temática, será que o texto acredite ter asistido ao foro e inspirarse nel para escribir a peza de opinión. En canto á extensión, sen contar espazos, non poderán exceder dos 3000 caracteres, e constarán de titular e corpo. Os artigos orixinais poden ben ser inéditos ou ben teren sido publicados por xornalistas que cubrisen as xornadas do foro e os publicasen nos medios nos que traballan.
Trece mulleres da comunicación debaten este ano no Teatro Principal
Conquistar o espazo público e mediático é tarefa fundamental da perigosidade feminina. Por iso, o 17 e 18 de marzo de 2023, o congreso ‘As Mulleres que Opinan son Perigosas’ volve ao Teatro Principal de Pontevedra cinco anos despois como un foro xa consolidado como cita de referencia fóra e dentro de Galicia. Nesta sexta edición escoitaranse trece profesionais de diferentes perfís para reivindicar que as mulleres están aquí e que non hai marcha atrás: Alba Moledo Ucha, xornalista en Diario de Pontevedra; Sindy Takanashi, creadora de contido; Aida Pena, xornalista na Cadena SER; Nuria Labari, xornalista e escritora e opinión en El País; María Guerra, xornalista e crítica de cine; Mara Torres, xornalista na Cadena SER; Antía Paz, xornalista e opinión en Luzes; Paloma Rando, columnista, guionista de televisión e opinión en El País; Marta Peirano, xornalista e opinión en El País, Muy Interesante e Radio Nacional; Paula Montes, xornalista en Radio Vigo; Laura Ferrero, xornalista, escritora, guionista e opinión en El País e La ventana da Cadena SER; María Martín, de @generoenaccion; e Rosa María Calaf, xornalista e correspondente internacional.



