Diego Calvo define aos deportistas que participaron no Mundial de Ximnasia de trampolín como os mellores representantes da marca Galicia Calidade pola súa excelencia e compromiso cos valores do deporte

adminON
Lectura mínima de 3

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes recibiu hoxe a Melania Rodríguez, Marta López, Aintzane Dapena e Adrián Soliño, tras a súa participación no campionato celebrado este mes en Pamplona

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, recibiu hoxe os representantes de Galicia vinculados ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) que participaron no Campionato de Mundo de Ximnasia de Trampolín celebrado este mes en Pamplona. Trátase de Melania Rodríguez, Marta López, Aintzane Dapena e Adrián Soliño, que asistiron xunto coa súa adestradora, Sara García. Á recepción tamén acudiron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o presidente da Federación Galega de Ximnasia, José Manuel Estévez.

Diego Calvo aproveitou para felicitar a Melania Rodríguez pola medalla de ouro acadada nesta competición en dobre mini-tramp e pola de bronce que logrou co equipo nacional nesta mesma especialidade, xunto coa tamén galega Marta López.

O conselleiro destacou que estes resultados demostran o potencial de Galicia nesta disciplina e que estes deportistas representan a marca Galicia Calidade sendo os mellores embaixadores da comunidade nas competicións nas que participan, onde demostran o seu traballo e excelencia e o seu compromiso cos valores do deporte. Agradeceu ademais o exemplo que dan estes ximnastas aos máis novos porque son exemplos que lles ensinan que con esforzo e sacrificio conséguense resultados.

No caso de Melania Rodríguez, gabou un palmarés no que destaca o feito de vir de revalidar o título mundial en dobre mini-tramp acadado en 2023, o que a consolida como a única ximnasta en contar coa tripla coroa nesta especialidade grazas a este campionato, así como o Europeo de 2024 e os World Games de 2022.

Os catro deportistas recibidos hoxe preparan a súa tempada internacional desde o CGTD, instalación de referencia estatal no deporte de alto nivel e forman parte do grupo de dez ximnastas que adestra Sara García no centro.

Cómpre destacar o auxe da ximnasia en Galicia ao case cuadriplicarse o número de licenzas das máis 1.800 que había en 2009 ás máis de 6.700 contabilizadas actualmente e cunha trintena de deportistas de alto nivel. Ademais, neste 2025 o club Terra Sports Academy foi recoñecido como Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado (NADE).

Comparte este artigo