O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes destacou a importancia deste evento que reuniu a medio cento de pilotos e que pasará ata o domingo por unha trintena de concellos da provincia coruñesa
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou como piloto nun dos tramos da oitava edición do Eco Rallye A Coruña, con Miguel Iglesias como copiloto. Os vehículos arrincaron esta mañá de María Pita ata o reagrupamento na praza do Obradoiro, onde se lles uniu o conselleiro para volver á Coruña.
A proba, organizada pola escudaría La Coruña puntúa para o Campionato Bridgestone FIA Eco Rally Cup e para o Campionato de España e conta coa participación de medio cento de pilotos que desde hoxe ata o domingo percorren máis dunha trintena de concellos da provincia coruñesa.
Diego Calvo destacou a importancia deste evento por ser o único destas características que se celebra en Galicia e un referente no noroeste de España. Nesta liña, incidiu en que o Eco Rallye A Coruña contribúe, ao igual que outros eventos deportivos, a demostrar a capacidade de Galicia para acoller e organizar probas de máximo nivel, ademais de fomentar a afección polo mundo do motor.
Cómpre engadir que estes días estase e conmemorar a Semana Europea de Mobilidade e precisamente esta competición promove unha condución eficiente e sostible con vehículos deseñados para aforrar enerxías e reducir as emisións.

