O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na Coruña na entrega de premios Terra de Hércules, impulsados pola Fundación Amare Terra. Clasificada de interese deportivo galego, a Fundación ten entre os seus piares centrais a difusión dos valores e os principios do olimpismo e paralimpismo.
Así, nesta primeira edición dos premios Terra de Hércules foron galardoados o ferrolán Conrado Durántez Corral, fundador da Real Academia Olímpica Española e referente na divulgación do Olimpismo, a quen entregou o premio Diego Calvo; a viguesa María José Martínez Patiño, membro da Real Academia Olímpica Española e destacada polo seu labor na investigación e a igualdade no deporte; o Comité Paralímpico Español, representado polo seu presidente, o ferrolán Alberto Durán López; e o ourensán Alejandro Blanco Bravo, presidente do Comité Olímpico Español.