A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP inviste máis de 1,4 M € nesta actuación, unha das 16 primeiras programadas para este ano
A Xunta de Galicia recibiu ofertas de dúas empresas para executar a obra de ampliación dos talleres de FP do Instituto de Curtis, licitada por máis de 1,4 M €. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP analizará agora as propostas para proceder á adxudicación da actuación e á súa posterior execución. As empresas aspirantes son Constructora Consvial e Construcciones Ángel Jove.
O obxectivo desta intervención é ampliar os espazos do centro para a FP e mellorar a eficiencia enerxética do edificio. Para iso demolerase a nave máis pequena de talleres de mecánica, situada ao fondo da parcela, co fin de construír unha nova máis grande, de case 363 m², o que permitirá unha distribución máis axeitada e eficiente dos espazos, ademais de gañar altura. A envolvente do volume realizarase en dobre folla de ladrillo cerámico con illamento interior e completarase cun sistema de illamento térmico polo exterior, garantindo a integración co resto das edificacións e mellorando a eficiencia e o confort dos usuarios. As cubertas serán de panel metálico sándwich e policarbonato celular.
A nova nave estará anexa ao muro de contención de terras das pistas deportivas e accederase a ela mediante unha rampla de acceso na parte posterior, para aproveitar o espazo e mellorar así o fluxo circulatorio. Estará dotada de dous aseos e vestiarios adaptados, cabina de lacado, almacén e zona de taller.
A maiores, rehabilitarase o outro taller de mecánica, situado a carón do resto dos edificios do centro. En concreto, colocaranse novas placas de falso teito de paneis sándwich, que melloran a seguridade e o illamento térmico e acústico, e instalaranse novas fiestras de aluminio en substitución dos lucernarios actuais, co que entrará máis luz natural. No exterior renovaranse as carpinterías e colocarase un sistema de illamento térmico.
Mellora da eficiencia enerxética
O programa da obra inclúe tamén melloras de eficiencia enerxética no edificio principal. Nel substituirase a iluminación convencional por 598 unidades LED en prol do aforro enerxético e dun mellor control da súa intensidade en función das necesidades de cada espazo. Tamén se reconfigurarán espazos na terceira planta para crear unha nova aula de plástica.
A maiores, cambiaranse as caldeiras de gasóleo por unhas de biomasa, reducindo a pegada ecolóxica do centro. Instalaranse no almacén existente no extremo esquerdo do edificio, adaptando a súa estrutura, e abastecerán o edificio principal, os talleres e o ximnasio cun sistema de calefacción centralizado e eficiente.
A actuación enmárcase nas primeiras 16 obras programadas pola Consellería en centros de ensino para este ano, cun investimento total de máis de 16 M€. No conxunto do ano, o investimento da Xunta en obras en centros educativos ascenderá a un total de 73,6 M€, un 4% máis.
Máis de 2 M€ no centro
Esta obra no IES de Curtis súmase á rehabilitación integral acometida neste centro en 2023, na que tamén se investiu preto de 1 M€. Deste xeito, o Goberno galego está a dedicar máis de 2 M€ a mellorar este centro.



