HomeXunta de GaliciaEste martes abre o prazo de solicitude das axudas de 2025 para...

Este martes abre o prazo de solicitude das axudas de 2025 para a creación de empresas de base tecnolóxica e a xeración de emprego cualificado

- Anuncio -spot_img
  • Están dotadas 500.000€, poderán solicitarse ata o 30 de setembro tal e como especifica a convocatoria publicada esta semana no DOG e inclúen achegas para as contratacións indefinidas, o inicio da actividade, a conciliación e a función de xerencia
  • Os apoios poderán ser de ata 24.000 € para a creación directa de emprego estable ou de ata 30.000 para o inicio e posta en marcha da actividade, tendo en conta que cando a IEBT sexa cooperativa ou sociedade laboral, a axuda subirá nun 25%
  • Por cada contratación indefinida no primeiro ano poderá recibirse un mínimo de 6.000 euros que se verán ampliados a 8.000 € no caso de que se incorporen desempregados menores de 30 anos ou maior de 52, mulleres ou emigrantes retornados
  • Desde a orixe en 2001 desta iniciativa pioneira no Estado, a Xunta favoreceu a creación de máis de 2.200 postos de alta cualificación e de máis de 400 empresas consideradas IEBT e con esta nova convocatoria estímase que se poidan beneficiar ata 21 proxectos

As axudas autonómicas para impulsar iniciativas de base tecnolóxica (IEBT) poderán solicitarse desde este martes 22 de abril ata o 30 de setembro. Así o especifica a convocatoria deste ano publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que está dotada con medio millón de euros para atender os gastos destes emprendedores durante o primeiro ano de actividade. Con ese fin, estímase que desta iniciativa se poidan beneficiar ata 21 proxectos.

A convocatoria conta con apoios económicos para facilitar o lanzamento das iniciativas en catro eidos: para a creación directa de emprego estable, inicio e posta en marcha da actividade, apoio á función xerencial e conciliación da vida persoal, laboral e familiar. As achegas poderán ser de ata 24.000 euros para a creación directa de emprego estable, de ata 30.000 para o inicio e posta en marcha da actividade ou de ata 12.500 euros para apoiar a función xerencial, tendo en conta que cando a IEBT sexa cooperativa ou sociedade laboral, a axuda se incrementará nun 25%. No caso da liña de conciliación, a achega poderá chegar ata 3.000 euros.

A axuda mínima de 6.000 euros por persoa desempregada incorporada para a creación de postos de traballo indefinidos durante o primeiro ano de funcionamento ampliarase ata os 8.000 nos casos nos que o traballador sexa menor de 30 anos ou maior de 52, sexa muller ou se trate dun emigrante retornado ou estranxeiro. Ademais, seguiranse a incrementar as achegas cun 25% extra acumulables se o centro de traballo se atopa nun concello rural, entre outros supostos.

Os gastos de posta en marcha da actividade inclúen os derivados dos servizos de notaría e rexistro, compra de materias primas, arrendamento do local ou equipamentos, seguro, publicidade e páxinas web. En canto aos apoios á conciliación, permitirán sufragar ata o 75% dos custos dos servizos de coidado de menores, maiores ou dependentes que contraten os impulsores das iniciativas e, os apoios económicos á  función xerencial, inclúen achegas para a formación do empresario e/ou para a realización externa de análises,  estudos ou informes.

Traxectoria do programa

Este programa, con case 25 anos de traxectoria, busca impulsar o espírito emprendedor entre persoas investigadoras e tituladas universitarias e que os seus traballos dean lugar á creación de iniciativas empresariais que dinamicen o emprego científico e tecnolóxico. Isto contribúe a que a día de hoxe Galicia conte con 188 proxectos activos de base tecnolóxica.

Ademais, desde o nacemento desta iniciativa pioneira no Estado, no 2001, o Goberno galego favoreceu a creación de máis de 2.200 postos de alta cualificación e de máis de 400 empresas consideradas IEBTS, a razón dunha media de 17 firmas por ano.  A maior parte dos proxectos desenvolvéronse no ámbito das actividades científicas e da información e comunicación. De feito, algunhas das empresas máis punteiras da comunidade relacionadas cos ámbitos da química, coas solucións tecnolóxicas en gandaría e coa intelixencia artificial e tecnoloxías de vídeo e televisión naceron como un proxecto IEBT.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250415/AnuncioG0767-030425-0001_gl.html

Publicacións Relacionadas