A conselleira destacou o traballo da entidade como un referente na loita contra a exclusión social en todo o país axudando a quen o precise
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou esta mañá na inauguración do centro de atención continuada San Roque que Cáritas Diocesana abriu na cidade de Pontevedra. Durante o acto, a conselleira destacou o importante labor que realizan dende a entidade para axudar ás persoas en situación de vulnerabilidade.
Fabiola García, acompañada do director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, coñeceu as instalacións do novo centro e constatou que contan con máis espazo e equipo para atender aínda mellor as persoas que o precisan.
Así mesmo, a conselleira salientou a importancia que supón un centro destas características para apuntalar os programas e servizos que leva a cabo a entidade na cidade de Pontevedra e tamén na contorna porque alí chegan – sinalou- moitas familias que están pasando momentos complicados e ademais de axuda, precisan novas oportunidades.
No acto, Fabiola García trasladou aos representantes de Cáritas o compromiso do Executivo galego de seguir colaborando coa entidade porque son un dos maiores axentes sociais de Galicia e co seu traballo chegan a cada recuncho da comunidade : “están ao carón de todas as persoas que necesitan un apoio extra, vivan onde vivan”.

