HomeXunta de GaliciaGalica, Asturias, Cantabria e Castela e León urxen ao Goberno Central a...

Galica, Asturias, Cantabria e Castela e León urxen ao Goberno Central a repartir xa entre as comunidades os 20 M€ anunciados para os danos do lobo

- Anuncio -spot_img

— Os orzamentos estatais de 2022 inclúen fondos para compensar ao sector afectado por esta especie pero as comunidades agardan aínda pola súa territorialización

— Tras lembrar que xa transcorreron 9 meses desde o anuncio do Ministerio, Belén do Campo avisa de que a estas alturas do ano pode haber problemas de execución polo atraso do Executivo central á hora de repartir o diñeiro comprometido

Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León, que concentran nos seus territorios o 95% dos lobos de todo o país, urxen ao Goberno central a repartir entre as comunidades autónomas coa maior celeridade posible os 20 millóns de euros reservados nos orzamentos xerais do Estado a compensar os danos causados polo lobo.

No marco da última Comisión sectorial de Medio Ambiente celebrada a semana pasada, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, interveu en nome das catro comunidades lobeiras para defender a urxencia e a necesidade de que os fondos comprometidos sexan transferidos de inmediato polo Estado, tendo en conta que serán os respectivos Gobernos autonómicos os que terán que asumir a súa xestión e o reparto entre os gandeiros afectados nos seus territorios.

Nove meses despois de que o secretario de Estado de Medio Ambiente anunciara que o Goberno central destinaría 20 millóns de euros a tal fin, Do Campo lembrou que Galicia e o resto de Comunidades “seguen agardando pola territorialización” desta partida, un atraso que, subliñou, “en ningún caso se pode achacar” ás catro comunidades lobeiras.

Neste sentido, explicou que o pasado mes de maio e tras a reunión que mantiveron coa directora xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación, María Jesús Rodríguez, os representantes autonómicos de Galicia, Cantabria, Asturias e Castela e León remitiron por escrito as súas achegas e propostas con relación aos posibles criterios de reparto destes fondos.

Sen embargo, Belén do Campo lamentou que o Goberno central non incluíra na orde do día da Comisión sectorial o debate sobre a territorialización do orzamento asignado a paliar os danos do lobo, xa que iso significa que a distribución entre as Comunidades non se poderá aprobar aínda na próxima Conferencia sectorial, convocada para o vindeiro luns polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e que será a última que se celebre ata despois do verán.

De feito, a responsable galega advertiu de que se o reparto dos 20 millóns de euros se atrasa ata o vindeiro outono “pode haber problemas de execución” xa que quedaría moi pouca marxe de tempo para xestionar os fondos asignados a cada Comunidade.

Publicacións Relacionadas