HomeXunta de GaliciaGalicia acolle o primeiro curso da Green Gap Academy para promover a...

Galicia acolle o primeiro curso da Green Gap Academy para promover a aposta polas infraestructuras verdes desde o ámbito local

- Anuncio -spot_img

A acción formativa desenvolvida ao abeiro do proxecto Green Gap, que contou con máis dun cento de inscritos, pretende dar ás entidades locais as ferramentas necesarias para fomentar os espazos verdes contribuíndo a restaurar a biodiversidade, renaturalizar distintas áreas e deseñar paisaxes resilientes

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolleu hoxe o curso Infraestrutura Verde, Restauración Ecolóxica e Resiliencia Urbana e Rural a nivel local co fin de promover a aposta polas infraestruturas verdes desde o ámbito local. Esta formación -con máis dun cento de inscritos entre as modalidades presencial e en liña- é a primeira celebrada ao abeiro da Escola Galaico-Portuguesa de Infraestrutura Verde e Paisaxe Resiliente (Green Gap Academy).

Esta escola creada no marco da iniciativa Green Gap e da Rede transfronteiriza de coñecemento e formación en infraestrutura verde pretende impulsar -mediante un plan formativo deseñado polos socios do proxecto- que as entidades locais fomenten os espazos verdes contribuíndo a restaurar a biodiversidade, a renaturalizar distintas áreas e ao deseño de paisaxes resilientes.

De feito, accións formativas como a celebrada hoxe -na que participou o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador- pretenden servir de guía para o persoal das administracións locais, profesionais relacionados coa planificación territorial, coa planificación territorial, a xestión de espazos naturais, propietarios e xestores de terreos, estudantes ou a cidadanía en xeral.

Neste sentido, o curso consistiu nunha introdución xeral ao que é a infraestrutura verde, a aproximación ao marco xurídico e ás diferentes estratexias aprobadas sobre esta cuestión así como a presentación de distintos exemplos e o intercambio de experiencias mediante a celebración dunha mesa redonda.

A este curso seguiranlle outros catro así como nove talleres e oito charlas-coloquio previstos pola Green Gap Academy e que se celebrarán ao longo deste ano co fin de aportar as ferramentas necesarias ás entidades locais para que promovan espazos máis verdes cos que mellorar a contorna en beneficio da cidadanía presente e futura.

A iniciativa

O proxecto Green Gap conta cun orzamento de máis de 2,1 millóns de euros, financiado no marco do Programa Interreg España-Portugal (Poctep 2021-2027), e nel participan, ademais do Instituto de Estudos do Territorio, un conxunto de entidades locais, administracións supramunicipais con competencias nesta materia e entidades universitarias da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Pola parte galega están implicadas a Universidade da Coruña, o Concello de Pontevedra, a Deputación de Ourense e a Fundación CEER, mentres que do lado portugués forman parte do proxecto a Cámara de Paredes de Coura, a Universidade do Minho, a Cámara de Guimarães, o Laboratorio da Paisagem de Guimarães así como a Agência Portuguesa do Ambiente e o Instituto da Conservação da Natureza das Florestas.

O fin último desta iniciativa é contribuír a unha Europa máis verde, hipocarbónica e en transición cara a unha economía con cero emisións netas de carbono. De feito, aposta pola resiliencia promovendo unha transición enerxética limpa e equitativa, o investimento verde e azul, a economía circular, a mitigación do cambio climático e a adaptación a el, a prevención e a xestión de riscos ou a mobilidade urbana sostible, entre outras cuestións.

Publicacións Relacionadas