Galicia aplaude que o Congreso dos Deputados enmende o erro cometido polo Goberno central desde 2021 e obrigue a rebaixar a protección do lobo

adminON
Lectura mínima de 6
  • Ángeles Vázquez congratúlase da aprobación de tres emendas que permiten retirar o lobo do Listado de especies silvestres en réxime de protección especial, incluído hai case catro anos polo Executivo central de xeito unilateral e sen aval científico
  • A conselleira lamenta que non se aprobase a emenda para derrogar a orde de 2021 de desenvolvemento do Lesrpe e do Catálogo español de especies ameazadas pois haberá que analizar todas as implicacións no eido xurídico e ver que actitude adopta a Administración central para ter seguridade na adopción de medidas de control
  • A Xunta salienta que este é un paso importante tanto para Galicia como para o resto de comunidades lobeiras pois debería permitir a adopción de medidas de xestión coas que restablecer o equilibrio entre a poboación desta especie e o sector gandeiro
  • O Executivo galego lembra que o estado do lobo na comunidade é favorable pois a súa poboación aumentou un 37% nos últimos 20 anos, ten presenza en máis do 90% do territorio e os avisos por danos disparáronse preto dun 77% desde 2021

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, aplaudiu hoxe a decisión do Congreso dos Deputados de rebaixar a protección do lobo ao norte do río Douro mediante a aprobación de varias emendas incluídas nun proxecto de lei estatal. A responsable autonómica salientou que a Cámara baixa fixo esta mañá o que debería ter feito o Goberno central hai tempo e corrixiu o erro que cometeu en 2021 cando incluíu o lobo no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe) de xeito unilateral e sen aval científico.

Non obstante, lamentou que unha das catro emendas incluídas -co fin de derrogar a orde de desenvolvemento do Lesrpe e do Catálogo español de especies ameazadas- non se aprobase, polo que haberá que analizar todas as implicacións desde o punto de vista xurídico e ver que actitude adopta o Goberno central para poder actuar con seguridade no territorio e poñer en marcha medidas efectivas de control coas que defender os intereses dos gandeiros galegos.

A responsable autonómica -que asistiu ao debate e á votación da lei no pleno do Congreso acompañada por representantes dos tres principais sindicatos agrarios galegos (Asaja, o Sindicato Labrego Galego e Unións Agrarias)- subliñou que a aprobación desas emendas é un paso moi importante para Galicia e o resto de comunidades lobeiras (Asturias, Cantabria e Castela e León) pois avalaría esa pretensión de adoptar medidas de control do lobo e restablecer o equilibrio entre a protección da especie e das actividades gandeiras desenvolvidas no rural.

Unha vez aprobadas as emendas para a exclusión do lobo do Lesrpe e para a adopción de medidas para frear o impacto nas explotacións agrarias -que entrarán en vigor unha vez que a lei de desperdicio alimentario sexa publicada no Boletín Oficial do Estado– a especie deixará de estar especialmente protexida e deberían poder impulsarse accións de xestión, especialmente naquelas zonas con maior número de ataques do lobo.

Ángeles Vázquez puxo en valor que estes cambios son o froito de tres longos anos de traballo da Xunta expoñendo ante todos os órganos e institucións -nacionais e europeos- a necesidade de mudar o status do lobo e devolver o equilibrio imprescindible entre a especie e as actividades coas que convive no medio rural. De feito, subliñou que unha vez acordada a modificación do convenio de Berna -malia o voto en contra de España- non tiña ningún sentido manter ese nivel de protección.

Nesta liña, a representante autonómica lamentou a obstinación do Goberno central neste asunto e que tivese que ser o Congreso dos Deputados -a través desas emendas do Partido Popular- quen comezase a poñer as bases para solucionar o problema.

Estado da especie

A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático lembrou que Galicia remitiu ao Executivo central tanto en 2019 como recentemente os datos de conservación do lobo que demostraban o estado favorable da súa poboación en territorio galego, que aumentou un 37% nos últimos 20 anos. A última información dispoñible, remitida ao Estado de cara á elaboración do informe sexenal, revela que en Galicia hai 93 mandas e que a especie ten presenza en máis do 90% da comunidade.

A imposibilidade de adoptar medidas de control ata o momento, incidiu, está a dificultar a convivencia do lobo co sector gandeiro, con moitas familias ao límite por non poder afrontar as perdas derivadas dos ataques desta especie silvestre. De feito, desde o ano 2021 -no que se incluíu o lobo no Lesrpe- os avisos por danos disparáronse preto dun 77% e as reses afectadas por ataques da especie aumentaron un 57% -cunha media de 10 animais atacados ao día-, levando a moitas explotacións a unha situación insostible.

Comparte este artigo