HomeXunta de GaliciaGalicia comparte cos socios do proxecto "Green Gap" a súa experiencia na...

Galicia comparte cos socios do proxecto “Green Gap” a súa experiencia na adopción de medidas para impulsar os espazos verdes nas áreas urbanas e rurais

- Anuncio -spot_img

Enrique de Salvador pon en valor o traballo realizado pola Xunta para promover as infraestruturas verdes locais co fin de restaurar a biodiversidade, renaturalizar espazos e deseñar paisaxes resilientes ao cambio climático

O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, participou hoxe na inauguración do taller Infraestrutura verde e cambio e climático, celebrado ao abeiro do proxecto Green Gap e no que Galicia comparte co resto de socios a súa experiencia na adopción de medidas para impulsar os espazos verdes tanto nas áreas urbanas como rurais e facer fronte aos efectos do cambio climático.

O representante do organismo autonómico puxo en valor o traballo realizado pola Xunta para impulsar as infraestruturas verdes locais co obxectivo de restaurar a biodiversidade, renaturalizar espazos e deseñar paisaxes resilientes ao cambio climático tanto nas cidades como no rural da comunidade.

Neste sentido, Galicia conta con importantes experiencias e iniciativas como as recentes axudas aos concellos para avanzar no obxectivo de dotar ás zonas urbanas de espazos e pulmóns verdes como parques, xardíns, fontes ou áreas recreativas tendo en conta que se estima que é nas áreas máis poboadas onde se xeran entre un 40% e un 70% de todos os gases de efecto invernadoiro. De feito, a existencia destas contornas naturais repercute na redución das emisións á atmosfera e na mellora da calidade de vida da cidadanía polos beneficios que reportan para a saúde e pola sociabilidade, ao ser tamén espazos de encontro e lecer colectivo.

Neste encontro participan profesionais e técnicos vencellados co cambio climático para abordar cuestións como a adaptación ao quecemento global tanto desde o punto de vista teórico como práctico. De feito, o fin último destes talleres é fomentar a reflexión e busca de solucións baseadas na natureza coas que facer fronte ao efecto illa de calor.

Neste sentido, representantes da Xunta expuxeron o labor realizado en Galicia ao abeiro da Rede local polo clima para avanzar na mitigación dos efectos do cambio climático e a xornada incluíu unha actividade práctica entre os ríos Sar e Sarela, para comprobar sobre o terreo a importancia da existencia de infraestruturas verdes en cidades como Santiago de Compostela.

Iniciativa Galicia-Portugal

O proxecto Green Gap para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal ten como obxectivo contribuír a que as administracións locais xoguen un papel máis relevante na promoción das infraestruturas verdes nesta área transfronteiriza.

Con tal fin, inclúe tres fases: unha primeira de planificación, unha segunda de desenvolvemento e implantación, na que se atopan inmersos os socios para acadar exemplos de boas prácticas en materia de infraestrutura verde e paisaxe resiliente, e unha terceira etapa para a formación e capacitación na materia. A maiores, inclúe tamén un conxunto de accións para a correcta comunicación e difusión dos resultados.

Cun orzamento de máis de 2,1 M€, financiado no marco do Programa Interreg España-Portugal (Poctep 2021-2027), na iniciativa participan, ademais do IET, un conxunto de entidades locais, administracións supramunicipais con competencias nesta materia e entidades universitarias da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Pola parte galega están implicadas a Universidade da Coruña, o Concello de Pontevedra, a Deputación de Ourense e a Fundación CEER, mentres que do lado portugués forman parte do proxecto a Cámara de Paredes de Coura, a Universidade do Minho, a Cámara de Guimarães, o Laboratorio da Paisagem de Guimarães así como a Agência Portuguesa do Ambiente e o Instituto da Conservação da Natureza das Florestas.

Publicacións Relacionadas