HomeXunta de GaliciaGalicia é a segunda comunidade autónoma con maior porcentaxe de alumnado matriculado...

Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior porcentaxe de alumnado matriculado en ensinanzas artísticas

- Anuncio -spot_img
  • O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visita o Conservatorio Superior de Música da Coruña, onde destaca a aposta da Xunta pola calidade formativa neste eido
  • Este centro reforza a súa oferta académica este curso co novo itinerario Canto Jazz da especialidade de Interpretación, o que completa esta familia instrumental

Galicia é a segunda comunidade autónoma do Estado, tras Valencia, coa maior porcentaxe de alumnado matriculado en Ensinanzas Artísticas, tal e como se reflicte nas estatísticas oficiais do Ministerio de Educación, segundo deu conta hoxe o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante unha visita ao Conservatorio Superior de Música da Coruña, onde estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez.

Así pois, segundo os datos ministeriais, en Galicia, por cada 10.000 habitantes de entre 14 e 21 anos, hai 330 estudantes cursando Ensinanzas Artísticas, moi preto dos 392 da Comunidade Valenciá, que ocupa a primeira posición. A media española é de 230.

Na súa visita ao centro con motivo do inicio curso escolar, o conselleiro subliñou que esta segunda posición no panorama nacional “é un exemplo da fortaleza e da calidade da formación artística que se imparte nos nosos centros autonómicos” e dos que o Conservatorio Superior de Música da Coruña “é un referente”.  

Román Rodríguez salienta a aposta do Goberno galego polo impulso e consolidación destas ensinanzas “que son unha opción académica de primeiro orde” a través dunha oferta ampla e reforzada con iniciativas novidosas como a implantación de novos itinerarios e másteres, o impulso da feira InnovArt para poñer en valor o traballo de alumnos e profesores destes centros ou o liderado de Galicia no debate estatal para a equiparación efectiva e real dos titulados das Ensinanzas Artísticas Superiores cos titulados universitarios na normativa. Así mesmo, lembrou tamén a “medida pioneira” do Goberno galego de matrícula gratuíta para todos os alumnos destas ensinanzas e da cal no curso pasado se beneficiaron máis de medio millar de estudantes.

As Ensinanzas Artísticas -que inclúen as Artes Plásticas e Deseño, a Conservación e Restauración de Bens Culturais, as ensinanzas superiores de Música e de Arte Dramática e as ensinanzas elementais e profesionais de Danza e de Música- acadaron o pasado curso os preto de 6.200 matriculados.

No caso concreto das ensinanzas de Música, en Galicia cúrsanas este ano un total de 4.247 alumnos entre os dous conservatorios superiores (A Coruña e Vigo) e os sete profesionais na Comunidade.

Reforzo no Conservatorio da Coruña

En canto ao Conservatorio da Coruña, conta con 290 estudantes para as especialidades de Interpretación, Composición, Pedagoxía e Dirección.

Este centro viu reforzada este ano a súa oferta académica co novo itinerario Canto Jazz da especialidade de Interpretación, o que completa esta familia instrumental. Ademais, a Consellería vai dotar o Conservatorio dun set de tres timbais de orquestra profesionais.

Publicacións Relacionadas