HomeXunta de GaliciaGalicia e as rexións europeas chaman a unha revisión da proposta de...

Galicia e as rexións europeas chaman a unha revisión da proposta de Marco Financeiro Plurianual 2028-2034

- Anuncio -spot_img

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou no pleno do Comité Europeo das Rexións (CdR), no que se aprobou unha resolución sobre o Futuro Marco Financeiro Plurianual (MFP) a partir de 2028 

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR), enmarcado na edición deste ano da Semana Europea das Rexións e das Cidades (#EURegionsWeek). De especial interese para Galicia foi a aprobación dunha resolución na que as rexións lle solicitan á Comisión Europea que revise os termos do futuro Marco Financeiro Plurianual (MFP) da UE para o período 2028-2034.

Jesús Gamallo sinalou que tanto Galicia como o resto das rexións españolas apostan por unha xestión descentralizada destes fondos que poña en valor o traballo levado a cabo polas comunidades autónomas. Advirte de que a centralización no reparto destes recursos sería “contraproducente” a nivel organizativo. Segundo Gamallo “implicaría un acceso máis complexo das rexións a estes recursos, xusto o contrario do que pretende a Comisión coa súa proposta”.

Ademais, Gamallo, como líder da delegación española ante o Comité Europeo das Rexións, destacou que a Política de Cohesión, que se desenvolve en parte a través de programas rexionais, demostrou ser unha ferramenta axeitada para acadar o obxectivo de reducir as disparidades entre rexións.

Nesta sesión plenaria, Jesús Gamallo presidiu a reunión da delegación española e representouna nun encontro con Kata Tutto, presidenta do Comité das Rexións, xunto coas demais delegacións nacionais. Nesa reunión informouse sobre a posición do CdR no debate sobre o futuro Marco Financeiro Plurianual (MFP) e sobre os próximos pasos a seguir.

No pleno tamén se aprobaron oito ditames sobre o estado da Unión da enerxía, a promoción da biodiversidade, a defensa europea, a inmigración, a loita contra a pobreza, e a perspectiva local e rexional no reforzo da muller na UE. Así mesmo, debateuse sobre os dereitos sociais na UE e a defensa europea.

Galicia no Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Publicacións Relacionadas