- Abordaron os procedementos deseñados para levar a cabo a xestión do litoral ao facerse efectivo o traspaso de medios, servizos e funcións, que no caso de Galicia, será o vindeiro 1 de xullo
- A Xunta está xa a desenvolver a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral que ten como obxectivo abordar a regulación da costa e dos usos que se desenvolven nela desde unha tripla perspectiva ambiental, social e económica
Galicia e Euskadi puxeron en valor a xestión autonómica do litoral e intercambian ideas para compatibilizar a protección ambiental e o desenvolvemento da costa durante unha reunión telemática celebrada con motivo do procedemento para o traspaso de funcións e servizos neste eido por parte do Executivo central a ambas administracións autonómicas.
En concreto, a secretaria xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Carmen Bouso, e a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, reuníronse, por videoconferencia, coa directora de Autogoberno do Departamento de Gobernanza, Administración Dixital e Autogoberno de Euskadi, Begoña Pérez de Eulate, para intercambiar experiencias e ideas de cara a optimizar a xestión do litoral.
Nese senso, Bouso e Uría trasladaron a Pérez de Eulate que Galicia está xa a desenvolver a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral que ten como obxectivo abordar a regulación da costa e dos usos que se desenvolven nela desde unha tripla perspectiva – ambiental, social e económica-.
De feito, no marco desa norma autonómica, a Xunta, puxo xa en marcha órganos de coordinación, como o a Comisión Interdepartamental na que están presentes os órganos administrativos autonómicos con competencias na costa. E, ademais, está a traballar noutras iniciativas o desenvolvemento dun novo Catálogo do patrimonio cultural do litoral ou o deseño dunha gran senda peonil desde Ribadeo ata Tui.
A maiores, na reunión tamén abordaron os procedementos deseñados para levar a cabo a xestión do litoral ao facerse efectivo o traspaso de medios, servizos e funcións, que no caso de Galicia, será o vindeiro 1 de xullo. Nesa liña, a Xunta ten previsto regular un novo procedemento integrado e único para todas as autorizacións administrativas e os títulos habilitantes do litoral, así como modificar decreto que regula as autorizacións na zona de servidume de protección co fin de adaptalo ao contido da Loxilga.
No eido administrativo, cando se faga efectivo o traspaso de medios, servizos e funcións o vindeiro 1 de xullo, o Goberno central transferirá á Xunta 36 postos de traballo e 11 vehículos, así como 687.332,90 euros non pago único e outros 1.219.005 euros a través do Fondo de Suficiencia.