Galicia e outras cinco autonomías instan ao goberno Central a reformar a lexislación de costas para unha xestión máis eficiente e adaptada a cada territorio

adminON
Lectura mínima de 3
  • Galicia, Canarias, Murcia, Baleares, Andalucía e a Comunidade Valenciana asinaron un manifesto pola defensa do litoral español e a súa xestión responsable
  • Reclaman que a transferencia de competencias sexa plena e a protección legal dos núcleos costeiros con valores etnográficos
  • A Xunta salienta a Lei de ordenación do litoral de Galicia como modelo para reformar a Lei de Costas estatal e adaptala á realidade actual

Galicia, Canarias, Murcia, Baleares, Andalucía e a Comunidade Valenciana asinaron hoxe un Manifesto pola defensa do litoral español e a súa xestión responsable no que instan ao Goberno central a reformar a lexislación en materia de Costas para garantir unha ordenación máis eficiente e adaptada a cada territorio.

Durante a xornada A Lei de Costas estatal desde unha perspectiva autonómica que se celebrou en Valencia, representantes dos gobernos autonómicos das seis comunidades reclamaron a transferencia plena de competencias en base ás solicitudes que presenten para evitar que haxa autonomías “de primeira e de segunda”, así como a protección legal para os núcleos costeiros con valores etnográficos, que son claves para manter a “memoria viva” das áreas litorais e garantir un desenvolvemento sostible.

Nese senso, no manifesto as comunidades, ademais de reiterar o seu compromiso cunha gobernanza costeira máis integrada, sostible e resiliente, baseada na cooperación interterritorial e no intercambio de experiencias e boa prácticas, incidiron na “urxente necesidade” de coordinar esforzos para a súa preservación, xestión e adaptación ante os retos do futuro.

Nesa liña, a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, que asinou o manifesto en representación da Xunta, puxo en valor a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga) como modelo para reformar a Lei de Costas estatal e adaptala á realidade actual.

Paula Uría subliñou que a Loxilga, polo seu carácter innovador, é un bo punto de partida para que o conxunto de España teña unha regulación actualizada, moderna e comprometida co desenvolvemento sostible do litoral. A norma galega entende por primeira vez a xestión da costa desde unha tripla perspectiva: ambiental, social e económica de cara a garantir o equilibrio entre o respecto polo medio ambiente e os usos humanos.

Coa aprobación en xullo do ano 2023 da Loxilga, Galicia converteuse na primeira comunidade en regular por lei o litoral en toda a súa extensión, é dicir, incluíndo tanto a zona terrestre e intermareal como a área mariña ata as 12 millas náuticas.

Comparte este artigo